07 decembro 2023

A encrucillada de camiños entre Galicia e Bretaña.

"O cruceiro da Carballeira". Obra de Daniel Castelao (c. 1922-1929) Museu de Pontevedra. 

Os cruceiros constitúen un dos sinais de identidade máis senlleiros da paisaxe de Galicia. Situados nas encrucilladas, nos adros das igrexas ou nas prazas de aldeas, vilas e cidades, son unha mostra de arte popular omnipresente en todas partes, e unha icona que non se pode separar da imaxe do país. Os cruceiros non son simplemente unha manifestación más dunha devoción relixiosa, senón que arredor deles pervive un riquísimo folclore en forma de lendas, costumes e crenzas que arraigan na noite dos tempos. A finalidade dos cruceiros é moi variada: poden ser levantados como acto expiatorio, para pedir perdón ao ceo por un pecado, ou como acción de grazas por unha miragre recibida. Tamén servían para conmemorar acontecementos moitas veces tráxicos (un accidente, un naufraxio, un crime...) ou para rezar polas ánimas de persoas que foron queridas por quen pagaron o monumento. Os cruceiros serviron tamén como talismán protector fronte a forzas escuras e malvadas, como a Santa Compaña, ou para santificar antigos lugares de culto pagáns que seguían a ser sagrados para os veciños dun lugar, e que a Igrexa facía así seus... Nalgúns cruceiros as meigas facían esconxuros para curar meigallos e tangaraños, e ás veces ao seu pé se enterraban as xentes que morrÍan sen a beizón de Deus, para procurar a salvación da súa ánima poñéndose ao seu abeiro. Cada cruceiro ten unha historia detrás que é tamén a pequena historia do pobo que os ergueu.

A paisaxe de Bretaña, como a de Galicia, está salferida tamén por milleiros de cruces de pedra. Igual que en Galicia, as “croix ornées” sinalan as encrucilladas dos camiños, sacralizan os vellos megalitos coma os menhires e dólmenes, ou lembran algún feito luctuoso. Sobre todo, adornan os adros das igrexas, presidindo o camposanto. É alí donde se desenvolve a súa versión máis monumental, o “calvaire”, verdadeiros evanxeos en pedra con ducias de figuras, que serviron como catecismo para as gentes iletradas, e como símbolo do poder e riqueza de cada freguesía. Os calvaires son quizais os monumentos relixiosos máis representativos e idiosincráticos de Bretaña.

Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Buenos Aires 1950) é unha das figuras máis importantes da cultura gallega do século XX. Foi pintor, humorista, escritor, político e pensador... e toda a súa obra está vencellada co sentir das xentes da súa Terra. E como artista sensible ao espíritu do pobo, Castelao interesouse moito polos cruceiros e polo seu estudo. En 1929 emprendeu unha viaxe a Bretaña, en Francia, grazas a unha bolsa de estudos da Institución Libre de Enseñanza, co fin de estudar as cruces de pedra bretoas. Durante meses visitou, fotografou e fixo moitos debuxos dos cruceiros de aló, e rematou por escribir un pequeno ensaio, “As cruces de pedra da Bretaña”, un dos traballos pioneiros sobre o tema, aínda que moi pouco coñecido en Bretaña. Castelao fixo do estudo das cruces de pedra a obra da súa vida, e máis tarde, puido completar o seu traballo publicando, moi pouco antes da súa morte no exilio, o seu gran estudo sobre os cruceiros galegos. Ambos os dous libros están ilustrados cos fermosos debuxos que trazou in situ. Entre eles hai algúns dos cruceiros de Cangas, unha vila que conta con algún dos cruceiros máis fermosos de Galicia.

Esta é a bitácora do noso proxecto “Encrucillada de camiños”, co que pretendemos seguir os pasos de Castelao por Galicia e Bretaña, e aprender dos seus traballos que foron o alicerce dun recoñecemento mutuo entre ambos os dous países atlánticos, que comparten moito máis que as súas cruces de pedra. Usando como fío conductor a arte popular galaico-bretoa, os alumnos do IES de Rodeira en Cangas e do Collège Quatre Moulins-Ar milinou de Brest traballaremos xuntos sobre a arte popular e particularmente as cruces de pedra, sobre os mitos, as crenzas e o folclore que os rodean. Exploraremos con esta escusa camiños creativos, artísticos e literarios, seguindo a pegada de Daniel Castelao, e acadaremos consciencia do valor dun patrimonio propio e asemade compartido con outras áreas do espazo europeo.

Sede benvidos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario