Amosando publicacións coa etiqueta Información xeral. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Información xeral. Amosar todas as publicacións

22 xaneiro 2024

As partes dun cruceiro

 Os cruceiros poden ter moitas formas e tamaños. Cada cruceiro é diferente, pero hai moitos elementos deles que se repiten. Para describir un cruceiro, temos que coñecer as súas partes.

O basamento é unha plataforma de varias gradas ou chanzos, ao pé da cruz, que eleva o cruceiro sobre o chan. Poden ter a base de moitas formas, cadrada, octogonal, ou redonda. 

O pedestal é unha peza xeralmente en forma de prisma que serve de base ao cruceiro.  Poden ter inscripcións coa adicatoria da cruz, a data, ou estar decorado con relevos (caveiras, instrumentos da paixón...)

O varal, tamén chamado esteo, é o fuste dunha columna máis ou menos esvelta, xeralmente esculpida dunha soa peza. Pode ser de sección redonda, cadrada ou octogonal, ou tamén con vultos coma gromos (cruces espiñentas). Poden tamén estar decoradas con relevos.

Os santiños son esculturas de santos aos que a xente do lugar tiñan devoción ou ao que o dedicante do cruceiro lle quería agradecer un favor. No varal tamén pode haber relevos cos instrumentos da paixón ou que aluden ao pecado orixinal, como Adán, Eva e a serpe.

O capitel é o remate da columna. Poden ser molduras simples ou imitar os capiteis clásicos, dóricos, xónicos (con espirais ou volutas), corintios (con follas). Tamén poden estar decorados con figuras (historiados), cabezas de anxos, caveiras ou outros elementos. Ás veces son redondos, en forma de esfera, representando o orbe ou o ceo.

A cruz pode ter formas variadas, estar máis ou menos decoradas e os brazos poden ter diferentes remates. Pode ser simple ou ter figuras (crucifixo). A figura de Xesús crucificado está na parte de diante (mirando para o camiño), mentres que na parte posterior soe aparecer unha imaxe da Virxe (a Piedade, ou as Angustias) ou dun santo. Algunhas cruces moi elaboradas representan escenas con varios personaxes, como o Desencravo (Xesús sendo retirado da cruz) ou a Deese (A Virxe e san Xoán ao pé da cruz). 

O pousadoiro é unha mesa que ás veces teñen os cruceiros diante, e serve para pousar o sartego dos mortos camiño do cemiterio para rezarlles un responso, ou para pousar a imaxe do santo cando se lle saca en procesión. Por iso soe haber pousadoiro nos cruceiros que están nos adros da igrexas, nos cemiterios ou nos camiños que conducen a eles. 





26 decembro 2023

Feliz Nadal - Nedeleg laouen!









Adoración dos Magos, nacemento de Xesús e fuxida a Exipto: 
Figuras no calvario de Guimiliau, en Bretaña, que Castelao visitou na súia viaxe en 1928. 

Estamos en tempo de Nadal, unha época na que dende tempos inmemoriais celebramos o solsticio de inverno, a data a partir da que os días comezan outra vez a medrar e as noites deixan de ser tan longas. Os romanos chamaban a esta festa o Sol Invicto, e celebraban convites familiares nas súas casas, decoradas con follas de edra, de acibro ou de visgo, acendían candeas para celebrar a chegada da nova luz, e dábanse pequenas figuriñas de barro como agasallo. Os cristiáns tamén escolleron este día do Sol Invicto, o 25 de decembro, para celebrar o nacemento de Xesús, e cara o ano 330 o emperador Constantino instituiu a celebración cristiá do Nadal. Os pobos nórdicos celebraban tamén ese día o nacemento de Frei, deus do sol abrente, da chuvia e  da fertilidade, e os persas celebraban o nacemento do seu deus solar Mitra. Pouco importa o lugar e o tempo, os deuses e as culturas. Nestas datas celebramos o final dun novo ciclo, o renacer da luz, e xuntámonos cos seres que amamos, a familia, os amigos, para desexarnos boa fortuna. 

Feliz Nadal - Nedeleg laouen!

16 decembro 2023

Conferencia sobre o cruceiro do Hío

O 28 de setembro iniciamos o noso proxecto asistindo a unha conferencia do investigador Anxo Coia sobre a autoría do Cruceiro do Hío na aula de usos múltiples.

Esta conferencia celebrouse no marco das III Xornadas Antonio Nores Soliño, que se organizan pola Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto en lembranza deste chorado veciño de cangas, falecido en 2020, loitador incansable pola defensa do seu patrimonio histórico artístico e a recuperación da memoria histórica, e autor de varios libros sobre a arqueoloxía e a historia canguesa. Aínda que as Xornadas se celebraron no Concello, Anxo Coia tivo a amabilidade de ofrecernos a súa ponencia no noso instituto para todo o alumnado de 2º de ESO. 

O cruceiro de Hío é considerado por moitos o máis fermoso e monumental de Galicia, e está situado no adro da igrexa de San André do Hío, no Concello de Cangas. Foi erguido por iniciativa da parroquia en 1872 e é dos poucos que representan a escea do desencravo de Xesucristo na cruz. Porén, non se sabe con certeza quen foi o autor. Mentres uns din que foi Xosé Cerviño García, alcumado Pepe da Pena, hai quen pensa que o seu autor foi Ignacio Cerviño Quinteiro, quen viviu ao mesmo tempo e con quen compartía apelido. Anxo Coia falounos da obra dos dous canteiros Cerviño para intentar resolver este misterio.






13 decembro 2023

O noso logotipo.

 

Presentámosvos o logo do noso proxecto.
O noso logo está inspirado nun círculo rodeado por unha lacería que forma unha cruz. Está inspirado nalgunhas cruces en pedra que decoran os tímpanos das portadas e os pinchos dos tellados de moitas igrexas medievais de Galicia. 
Castelao prestou atención a estas cruces no seu estudo “As cruces de pedra na Galiza” e na primeira edición desta obra, en Bos Aires, aparecía campando na capa do libro. Así que para nós, este logo representa o motivo do noso traballo, ao relacionar as cruces de pedra, o patrimonio e a obra de Daniel R. Castelao..
Ademais, os motivos entrelazados foron moi empregados polos monxes irlandeses para decorar as súas ardchros ("cruces altas") dos seus mosteiros e tamén nos deseños cos que ilustraban os seus evanxeos, aínda que estes deseños eran empregados de moito antes, xa dende a Idade do Ferro, e tamén nos castros galaicos. No século XIX, os entrelazos foron outra vez popularizados polo movemento cultural pancéltico, que defendía a identidade cultural das nacións celtas da Europa atlántica, do que moitos intelectuais de Galicia (coma o mesmo Castelao) quixeron formar parte. O noso logo tamén quere usar o entrelazo como lembranza dunha identidade cultural común entre as fisterra/finistères atlánticos.
Ademais, os entrelazos aluden tamén á idea do cruce dos camiños, do punto de encontro que foron e son os cruceiros de Galicia e de Bretaña. Tamén representan un nó infinito, que simboliza todo o que nos vencella, o que nos une como pobos, e que queremos compartir con todos vós.

07 decembro 2023

A encrucillada de camiños entre Galicia e Bretaña.

"O cruceiro da Carballeira". Obra de Daniel Castelao (c. 1922-1929) Museu de Pontevedra. 

Os cruceiros constitúen un dos sinais de identidade máis senlleiros da paisaxe de Galicia. Situados nas encrucilladas, nos adros das igrexas ou nas prazas de aldeas, vilas e cidades, son unha mostra de arte popular omnipresente en todas partes, e unha icona que non se pode separar da imaxe do país. Os cruceiros non son simplemente unha manifestación más dunha devoción relixiosa, senón que arredor deles pervive un riquísimo folclore en forma de lendas, costumes e crenzas que arraigan na noite dos tempos. A finalidade dos cruceiros é moi variada: poden ser levantados como acto expiatorio, para pedir perdón ao ceo por un pecado, ou como acción de grazas por unha miragre recibida. Tamén servían para conmemorar acontecementos moitas veces tráxicos (un accidente, un naufraxio, un crime...) ou para rezar polas ánimas de persoas que foron queridas por quen pagaron o monumento. Os cruceiros serviron tamén como talismán protector fronte a forzas escuras e malvadas, como a Santa Compaña, ou para santificar antigos lugares de culto pagáns que seguían a ser sagrados para os veciños dun lugar, e que a Igrexa facía así seus... Nalgúns cruceiros as meigas facían esconxuros para curar meigallos e tangaraños, e ás veces ao seu pé se enterraban as xentes que morrÍan sen a beizón de Deus, para procurar a salvación da súa ánima poñéndose ao seu abeiro. Cada cruceiro ten unha historia detrás que é tamén a pequena historia do pobo que os ergueu.

A paisaxe de Bretaña, como a de Galicia, está salferida tamén por milleiros de cruces de pedra. Igual que en Galicia, as “croix ornées” sinalan as encrucilladas dos camiños, sacralizan os vellos megalitos coma os menhires e dólmenes, ou lembran algún feito luctuoso. Sobre todo, adornan os adros das igrexas, presidindo o camposanto. É alí donde se desenvolve a súa versión máis monumental, o “calvaire”, verdadeiros evanxeos en pedra con ducias de figuras, que serviron como catecismo para as gentes iletradas, e como símbolo do poder e riqueza de cada freguesía. Os calvaires son quizais os monumentos relixiosos máis representativos e idiosincráticos de Bretaña.

Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Buenos Aires 1950) é unha das figuras máis importantes da cultura gallega do século XX. Foi pintor, humorista, escritor, político e pensador... e toda a súa obra está vencellada co sentir das xentes da súa Terra. E como artista sensible ao espíritu do pobo, Castelao interesouse moito polos cruceiros e polo seu estudo. En 1929 emprendeu unha viaxe a Bretaña, en Francia, grazas a unha bolsa de estudos da Institución Libre de Enseñanza, co fin de estudar as cruces de pedra bretoas. Durante meses visitou, fotografou e fixo moitos debuxos dos cruceiros de aló, e rematou por escribir un pequeno ensaio, “As cruces de pedra da Bretaña”, un dos traballos pioneiros sobre o tema, aínda que moi pouco coñecido en Bretaña. Castelao fixo do estudo das cruces de pedra a obra da súa vida, e máis tarde, puido completar o seu traballo publicando, moi pouco antes da súa morte no exilio, o seu gran estudo sobre os cruceiros galegos. Ambos os dous libros están ilustrados cos fermosos debuxos que trazou in situ. Entre eles hai algúns dos cruceiros de Cangas, unha vila que conta con algún dos cruceiros máis fermosos de Galicia.

Esta é a bitácora do noso proxecto “Encrucillada de camiños”, co que pretendemos seguir os pasos de Castelao por Galicia e Bretaña, e aprender dos seus traballos que foron o alicerce dun recoñecemento mutuo entre ambos os dous países atlánticos, que comparten moito máis que as súas cruces de pedra. Usando como fío conductor a arte popular galaico-bretoa, os alumnos do IES de Rodeira en Cangas e do Collège Quatre Moulins-Ar milinou de Brest traballaremos xuntos sobre a arte popular e particularmente as cruces de pedra, sobre os mitos, as crenzas e o folclore que os rodean. Exploraremos con esta escusa camiños creativos, artísticos e literarios, seguindo a pegada de Daniel Castelao, e acadaremos consciencia do valor dun patrimonio propio e asemade compartido con outras áreas do espazo europeo.

Sede benvidos.