18 xuño 2024

Viaxe a Bretaña. Fin de semana e partida.

 

Rematada a nosa semana escolar, tivemos un fin de semana de convivencia nas familias de acollida, antes da nosa partida o luns 3 de xuño. Cadaquén fixo os seus plans. Moitos alumnos e os seus correspondentes aproveitaron o sábado para iren de compras no centro de Brest. Os profes tamén disfrutamos da xornada para facer algunha visita, como a exposición de dioramas da Tour Tanguy. 

E xa o luns, voltamos ao Collège para despedirnos dos nosos camaradas. Non tiñamos tempo para acudir a clase, pero si dabondo para dicirnos ata sempre, e facernos un último retrato de grupo. Houbo risos e tamén choros. 
Despois tocou ir ata o aeroporto de Brest-Guipavas para coller o avión que nos había de levar ata Porto. Aínda que non queriamos que a nosa viaxe rematara, tamén estabamos ledos de voltar para casa. Pero non ía ser tan doado aínda...
Cando xa estabamos dentro do avión, con todo preparado para descolar... o piloto informounos dunha avería, e o vó foi cancelado. E agora qué? Volvimos baixar do avión para atopar unha solución.  Afortunadamente, a compañía aérea portouse moi ben, e despois dunhas poucas horas conseguíronos praza para todos noutro avión... Pero tería que ser ao día seguinte, e dende o aeroporto de Nantes. 
A compañía aérea buscounos aloxamento nun hotel próximo ao aeroporto ata o día seguinte. Para a nosa sorpresa, o hotel tiña unha piscina de auga quentísima. Despois dos nervos que pasamos, un baño relaxante axudounos a quitarnos os pesares do noso regreso frustrado. 
Na hora da cea comimos, rimos, fixemos bromas, máis ou menos contentes de ter unha aventura nova que contar, e de que a nosa xornada non tivese rematado tan mal de todo. 
Ao día seguinte, despois do xantar, collimos o coche de punto que nos había de levar ao aeroporto de Nantes, a uns 300 km de Brest. Unha longa ruta que algúns alumnos quixeron amenizar poñendo na radio gravacións de ruidos sincopados acompañados de voces funguetas que insistiron en chamar música, para disgusto dos profes que os acompañaban. 

Chegamos ben a tempo para facturar as malas, e matar un pouco o tempo nas sás de espera do aeroporto antes do noso embarque. 

E esta vez si... O avión funcionaba!!!

Xa en Porto, recuperamos as malas para coller o coche de punto que nos mandou o instituto, porque non chegabamos a tempo para coller o oche de liña ata Vigo. Cansos, pero felices despois dunha xornada de viaxe (ou dúas?) e dunha semana chea de emocións das boas que non imos esquecer nunca. 
Kenavo ar c'hentañ, Breizh! Adeus, Bretaña, ata a próxima vez!



Ningún comentario:

Publicar un comentario