22 decembro 2023

Para qué serve un cruceiro?

 

Dicía Castelao que... “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

Un cruceiro é un exvoto, un monumento feito por xente que agradecía ao Ceo por algún favor recibido, como terse librado dun andacio ou dun perigo, ou pedía pola salvación das ánimas dos finados ou dos vivos. Moitos cruceiros conmemoran un feito luctuoso: un accidente mortal, un naufraxio, un crime, ou simplemente foron levantados para chorar a morte dun ser especialmente querido. Algús cruceiros eran feitos por particulares pola súa propia devoción, e outros eran sufragados polos veciños da parroquia.

Os cruceiros adoitan situarse nas beiras dos camiños e sobre todo nas encrucilladas. Hainos tamén nas prazas de aldeas e vilas, e nos adros das igrexas e capelas. As cruces sinalaban os camiños cara os santuarios onde se celebraban romerías ou peregrinacións, e tamén cara os cemiterios. Neses cruceiros adoita haber mesas ou pousadoiros onde deixar o sartego do defunto e rezar un responso camiño do camposanto, ou a imaxe dun santo que se sacara en procesión.

Os cruceiros das aldeas son lugares de encontro. Nas gradas dos seus pés séntase a xente a facer faladoiros. Algús son o centro das festas, e se engalanan con flores e luces no día da celebración. Outros cruceiros están afastados, sinalando os límites das parroquias e dos concellos. Quizais algúns foron erguidos para santificar lugares que xa eran sagrados en época pagana. Para os viaxeiros as cruces solitarias eran unha protección para escorrentar os perigos, reais ou imaxinarios, que podían atopar nos camiños: os lobos, as tormentas, ou mesmo a Santa Compaña.

Os cruceiros son espazos sagrados onde a xente acodía a rezar a falta de igrexa. Os meniños que morrían sen seren bautizados, ou a xente que morría nun gran pecado,coma os suicidas, podían ser enterrados ao pé dos cruceiros buscando a protección para as súas ánimas. As nais que temían perder aos seus fillos durante o embarazo ían aos cruceiros a que lles bautizaran os nenos aínda na barriga. A xente deixaba no pé dos cruceiros esmolas para sufragar misas, ofrendas, froitos da colleita, ou acendía candeas e velas polas ánimas dos seus achegados. Arredor dos cruceiros celebrábanse todo tipo de rituais máxicos: aos nenos pequenos “cortábaselles a pexa” para que aprenderan a andar, e as meigas mandaban facer alí todo tipo de esconxuros para escorrentar males de ollo, meigallos e tangaraños.

Aínda que hoxe seguen a erguerse cruceiros coma antes, agora non se fai só por devoción relixiosa, senón coma símbolo que son da cultura de Galicia, para adornar espazos públicos como parques e prazas, ou privados como fincas e xardíns particulares.

Para saber máis sobre os usos dos cruceiros, miramos en clase o documental “As testemuñas silenciosas”, onde diferentes estudsos e antropólogos falan da historia e das historias que hai detrás dos cruceiros de Galicia. Aquí está o enlace para quen o queira volver a ver.

Ningún comentario:

Publicar un comentario