13 febreiro 2024

Cruceiro da Magdalena

Nome: Cruceiro e peto de ánimas da Magdalena. 

Parroquia: Darbo

Lugar: A Magdalena. 

Rúa ou camiño: Estrada da Magdalena s/n. 

Está situado na beira da estrada PO-551, que conduce de Cangas a Bueu, xunto ao fito do km. 16. Está próximo ao límite dos concellos de Cangas e Bueu. 

O cruceiro forma parte dun conxunto monumental, sobre un muro con un retablo dedicado ás ánimas. Este retablo está dentro dun arco abucinado, dentro dunha fornela pechada cunha cancela de ferro. Alí, baixo un arquiño de medio punto, hai un relevo que representa a un grupo de anxos, encabezados por San Miguel, que acuden ao rescate das ánimas que arden no Purgatorio. Todo o conxunto está policromado. 

Basamento: Ten pranta cadrada e unha grada. 

Pedestal: Ten forma de prisma cuadrangular. Na parte frontal ten unha inscripción pintada en verso que di: 
TU QUE PASAS MÍRAME
TODO CUBIERTO DE LLAGAS
MAL HIJO QUE MAL ME PAGAS
LA SANGRE QUE DERRAMÉ. 
AS ESPERA Y TE DIRÉ
PUES QUE TANTO PADECÍ
SI LO MÁS HICE POR TI
QUE FUE MORIR POR SALVARTE
SI TU TE MUEVES A MI
¿CÓMO NO HE DE PERDONARTE?


Varal:  Non ten basa. Ten sección redonda e é liso e sen figuras. É bastante delgado e esvelto, de máis de dous metros de altura. 

Capitel: De orde composta. Ten na parte de abaixo unha banda estreita de follas en relevo. Sobre elas, no centro de cada lado, hai catro cabezas de anxos con alas, e espirais ou volutas nas esquinas.


Cruz: Ten os brazos de sección redonda, con nós ou broullas imitando troncos. No anverso da cruz hai un Cristo crucificado, de boas proporcións, coa cabeza inclinada a esquerda e co pano de pureza anoado na cintura, Sobre a cabeza hai unha cartela en forma de rolo coa inscripción JNRY.   

Estado de conservación: Está ben coidado, e foi restaurado recentemente, en 2021, 

Outras características destacables: O cruceiro está policromado, especialmente o capitel e o crucifixo. 

Seica o cruceiro foi feito no ano 1878 por encargo de D. Domingo Antonio Freijomil ao escultor Ignacio Cerviño Quinteiro, quen para moitos é tamén o autor do cruceiro do Hío. 

Ten moita devoción dos veciños, que levan decote candeas, esmolas e flores. Despois da restauración de 2021 colocáronse dous pequenos nichos a cada lado do retablo de ánimas para que a xente deixe as candeas alí e que o retablo non se estropee polo fume e a cera queimada. 

Información recollida por: 
Martina D. G. (2º ESO B)
Antón B. L. (2º ESO B)



Ningún comentario:

Publicar un comentario