14 febreiro 2024

Cruceiro do Igrexario de Coiro

Nome: Cruceiro do Igrexario. 

Parroquia: San Salvador de Coiro. 

Lugar: Igrexario

Rúa ou camiño: Camiño do Castro Miranda (EP-1001). 

Está na encrucillada entre o Camiño de Miranda, e as rúas do Cruceiro, da Laxe, da Garita e Faroleira, ao pé do camiño (Rúa do Cruceiro) que sube ata a Igrexa parroquial de Coiro. 

Basamento: Está emprazado pegado á fachada dunha casa, sobre un bancal que sobresae da parte inferior, á altura do zócolo, a un metro de altura sobre o nivel da rúa. O Basamento propiamente ten pranta cadrada e un único banzo. 

Pedestal: Ten forma de prisma cadrangular, cos candos superiores biselados. 

Varal: Non ten basa. A sección é redonda, e é liso e bastante esvelto, sobre dous metros de altura. 

Capitel: De orde xónica, con volutas nas esquinas. Na parte superior, está rematado por un prisma cadrado bastante alto. 


Cruz: Ten os brazos de sección octogonal, e cadrados nos remates. Nos extremos dos brazos hai unha forma xeométrica ou unha flor en relevo, bastante erosionada. 

No anverso da cruz hai un Cristo cricificado, bastante desproporcionado, coas pernas moi curtas e os brazos longos, co pano de pureza e a coroa de espiñas. Leva sobre a cabeza unha cartela moi inclinada onde estaría o INRI. 

No reverso da cruz hai unha Virxe co neno no colo. Ten os pés sobre a cabeza dun anxo, indicando a ascensión da Virxe. Non se pode ver ben porque esta figura está case pegada ao muro da casa. 

Estado de conservación: Bo, sen problemas de conservación. 

Outros elementos: Sobre o pedestal hai unha caixa metálica a xeito de candeeiro, para que a xente deixe accesas as velas. Debeu haber un farol metálico no varal, porque queda unha argola oxidada. 

Outras informacións: Non se coñece a data, pero probablemente sexa de finais do século XIX. 

Está situado nun lugar de paso cara á igrexa e o cemiterio de Coiro. Os fieis poñen candeas no basamento, e esta era un lugar onde pousar o sartego cando levaban os defuntos a enterrar. 

Información recollida por:  
Martina D. G. (2º ESO B)

Ningún comentario:

Publicar un comentario