12 marzo 2024

Un caderno de viaxe.

Unha páxina do caderno de viaxe de Castelao a Francia, Alemaña e Bélxica en 1921. 

Un caderno de viaxe é un diario no que escribir e deseñar experiencias, pensamentos, lembranzas e curiosidades vividas durante unha viaxe. Pero non só se pode facer un caderno viaxando: podemos facelo sen alonxarnos da nosa casa, arredor dun tema ou un asunto que nos interesa. Hai moitas formas de facelo. O máis doado é escribir. Podes contar o que che pasou, o que fixeches, o que pensas, o que sintes... e xogar coa caligrafía e o tamaño da letra pare crear. Outra cousa que se pode facer é debuxar. Antigamente, cando non habia fotografías, un caderno era o único que tiñan os artistas para levarse unha lembranza de algo que visitaron, ou facer planos e mapas dunha ruta que fixemos, garabatos, caricaturas... E tamén se pode usar o caderno coma un álbum para pegar cousas, calquera cousa que nos traia unha lembranza de algo que nos pasou: un billete de tren, unha etiqueta, a folla dunha árbore, unha fotografía, un recorte de prensa, un prospecto publicitario, unha entrada a un museu, unha tarxeta de visita... Todo serve para facer do caderno un obxecto fermoso. 

                       

Castelao era un gran debuxante tamén de cadernos. En 1921 fixo unha viaxe por toda Europa para visitar museus e coñecer de primeira man a arte de cada país, e escribiu un diario cheo de debuxos e anotacións coas ideas que se lle pasaban pola cabeza. Logo en 1928, cando viaxou a Bretaña, levou tamén un diario no que deseñaba non só as cruces e “calvaires” que visitaba, senón retatos de personaxes bretóns que lle chamaron a atención. Castelao levaba case sempre cadernos e lapis, e fixo centos de debuxos que logo se converteron en pinturas e ilustracións. 

Nós imos facer un caderno que serva para recoller todo o que aprendemos durante o noso proxecto, sobre os cruceiros, sobre Castelao, a súa obra e o Patrimonio da nosa vila. E quizais algúns destes cadernos poidan converterse nun verdadeiro "carnet de voyage" cando viaxemos a Bretaña. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario