O noso cuarto día pasámolo no Mont Saint-Michel. Saímos moi cedo pola mañá, porque nos agardaban tres horas de autobus antes de chegar. A illa do Mont Saint-Michel está no medio dunha baía e toda a pequena vila e máis aabadía son patrimonio da Humanidade da UNESCO e un dos lugares máis turísticos de Francia.
Facía moitísimo vento e mesmo tivemos un chubasco nada máis chegar, pero puidemos disfrutar dun fermoso e luminoso día de sol. Non todos os días sucede en Normandía.
Mentres faciamos tempo antes de entrar na abadía, puidemos contemplar cómo subía a maré. A preamar do Mont Saint-Michel é unha das máis grandes do mundo. O nivel do mar pode chegar a subir 14 metros en seis horas, e forma unha onda que cubre a baía á velocidade dun cabalo, polo que é moi perigoso camiñar pola area se non se ten tino coas horas da maré.
O primeiro que visitamos foi a igrexa abacial. Foi construida no século XI sobre outra antiga igrexa de época carolinxia, pero sufriu moitas reformas e transformacións. No século XV, despois dun esboroamento, o coro da igrexa foi reconstruido en estilo gótico. Así que na igrexa coexisten o románico e o gótico, os dous grandes estilos da arquitectura medieval.
A carón da igrexa abacial está o claustro, o patio porticado que servía aos monxes para a meditación e a oración. No pequeno xardín do claustro había un acróbata facendo unhas piruetas espectaculares. Seica estaban ensaiando para un espectáculo pola chegada do facho olímpico, que ía pasar ao día seguinte polo Mont Saint-Michel no seu percorrido cara os Xogos Olímpicos de París.
O refectorio era a gran sala onde os monxes se reunían para comer. Normalmente gardaban silenzo mentres un deles lía en voz alta un libro piedoso. Tamén nesta sala, como noutras partes do mosteiro, había bailarís e acróbatas facendo pinchos.
Descendendo dende a igrexa pasamos por outras grandes salas, como a cripta, a gran sala chamada "dos cabaleiros", que servía de escritorio, onde os monxes amanuenses copiaban e debuxaban os libros, e a hospedería, que servía para acoller aos pelegríns ilustres.Ao saír da tivemos tempo tamén para camiñar polas ruelas do Mont Saint-Michel, mercar algunha postal e algún recordo, e camiñar entre os centos de turistas que visitan este lugar magnífico. De volta a pe cara o estacionamento para coller o noso coche de liña de volta a Brest tivemos tempo de facer bromas. Despois de tres días compartindo excursións, os alumnos galegos e bretóns xa comezamos a entendernos.






Ningún comentario:
Publicar un comentario