12 xuño 2024

Viaxe a Bretaña. Terceiro día.

O terceiro día da nosa viaxe estaba dedicado a coñecer algún dos "cruceiros" bretóns que Castelao estudara e deseñarana súa viaxe a Bretaña. O noso primeiro destino foi a viliña de Guimiliau, onde se atopa un dos calvaires (calvarios) maís sonados e fermosos de Bretaña. 

O calvario foi construido a finais do século XVI, entre 1581 e 1588, e ten máis de 200 figuras que contan a vida de Xesucristo, dende a Anunciación ata a Crucifixión. O calvaire era tamén un púlpito dende onde os predicadores podían ensinar ás xentes iletradas as historias dos evanxeos. Os calvarios están normalmente no centro dun "enclos paroissial" (recinto parroquial): un adro a carón da igrexa, rodeado por un muro, ao que se accede por unha porta a modo de arco triunfal, e onde tamén se ergue un osario para gardar os ósos dos defuntos da parroquia. 

A noda intención era debuxar e facer croquis do calvario e do recinto, pero o tempo bretón amosouse en toda a súa plenitude e non parou de chover en todo o tempo. Tivemos que refuxiarnos case todo o tempo dentro da igrexa. 


A mediodía fumos á vila de Landerneau, para xantar e visitar as súas rúas, especialmente a Ponte de Rohan. E non ten nada que ver co país dos cabalos do Señor dos Aneis, senón co Visconde de Rohan, que mandou reconstruilo no século XVI. É unha das 19 pontes habitadas que quedan en Europa. 

En Landerneau, unha señora moi simpática púxose a falar con nós, e cando mirou que eramos galegos, agasallounos cunha "Gwenn-ha-du", (= branca e negre), a bandeira bretoa, para festexar a nosa irmandade céltica. Foi moi divertido.  

Logo fumos visitar o calvaire de Plougastel, outro dos monumentos máis notabeis de Bretaña. Foi construido a principios do século XVII, e quedou moi dañado na II Guerra Mundial durante a batalla de Brest, debido aos bombardeos norteamericanos. Por fortuna as cruces e moitas das figuras dañadas puideron ser restauradas. 

Plougastel é moi coñecida polos seus deliciosos amorodos. Ata teñen un museo sobre eles! O profesor francés que nos acompañou, Olivier, convidounos a merendar unhas "gariguettes". Qué ben sabían!

E para rematar o día fumos visitar a Abadía de Daoulas. Alí visitamos o seu xardín botánico e os restos que quedan do antigo mosteiro. Un bo final do día para a nosa gran visita do día seguinte: o Mont Saint-Michel. 








Ningún comentario:

Publicar un comentario