03 maio 2024

Gravando o Patrimonio de Cangas (I)

Portada do nº 4 da revista "Nós", cun gravado de Castelao inspirado nun cruceiro. 

O gravado é unha técnica artística que permite reproducir un deseño varias veces, utilizando unha superficie riscada e entintada chamada matriz que se estampa sobre un papel ou tea. A matriz pode gravarse sobre moitos materiais, xeralmente unha lámina de metal ou madeira (xilografía), riscándoa diferentes ferramentas, como punzóns e gobias, ou usando productos corrosivos como ácidos. 

Castelao foi un gran gravador. Comezou a facer gravados para reproducir os seus debuxos na prensa, e moita da súa obra gráfica publicouse como estampas ("Nós", os álbumes de guerra "Atila en Galicia", "Galiza mártir", "Milicianos"...) . En 1921 fixo unha viaxe por Europa para aprender das novas correntes artísticas e especialmente das técnicas de gravado. En Alemaña aprendeu a facer gravados con linóleo, que comezara a ser usado poucos anos antes polos artistas do grupo "Die Brucke" (A ponte) como un alternativa máis económica ás matrices de metal ou de madeira. Castelao aplicou moito do aprendido na súa obra, en cartaces, viñetas e nas ilustracións dos seus contos. 

Caixa de gobias e trebellos de gravado de Castelao, e cartaz gravado dunha exposición coa súa matriz de linóleo, expostos no Museu de Pontevedra. 

Nós imos remedar a Castelao realizando gravados inspirados sobre as paisaxes e os elementos patrimoniais de Cangas, utilizando materiais de refugallo. Atentos ás obras dos nosos artistas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario