24 maio 2024

Gravando o Patrimonio de Cangas (II)

 Durante este mes estivemos aprendendo a facer gravados inspirándonos nas paisaxes e no patrimonio histórico e artístico do Concello de Cangas. Como somos xente respectuosa co medio ambiente e co noso entorno, quixemos utilizar un material de refugallo e de difícil reciclaxe, coma son os cartóns para bebidas ou "bricks", para facer as matrices dos nosos deseños, atopándolles así un novo uso. Este material permite facer debuxos a punta seca con materiais moi simples, e estampalos varias veces sen usar caras placas de metal. E como é moi barato, non pasa nada se nos equivocamos: podemos probar todas as veces que queiramos. 


O primeiro de todo foi documentarse buscando fotografías e imaxes para poder elaborar os nosos deseños e imprimímos algunhas das que gostamos máis para poder traballar con elas facendo os primeiros bosquexos. 



A partir dos nosos esbozos, pasámolos a un cartón brick,, usando a parte interior que vai forrada de polietileno e de papel de aluminio, gravando as liñas cun punzón. Tamén podemos recortar o cartón nas partes que queremos que queden brancas, ou levantar algunhas partes do papel de alumnio nas áreas que queremos que queden negras ou moi escuras. 



Cando estamos xa satisfeitos co noso deseño chega a hora de entintar. Hai que utilizar preferentemente unha tinta de impresión graxa, aínda que tamén probamos con tintas con base de auga e non funcionaron mal. Cando a matriz estea ben entintada, hai que limpar a tinta sobrante usando papel, ata que só quede a tinta que está metida nos sulcos que gravamos co punzón. Esta é a parte máis fastienta, e hai que ter algo de paciencia para limpar todo ben. 



Agora xa popdemos estampar. Temos que coller un papel de boa gramaxe e mollalo un pouco para que estea algo húmido. así as febras do papel están maís moles e poden coller ben a tinta dos sulcos. Poñemos nun prelo a matriz, o papel, e cubrímolo cun feltro ou un pano groso para que a presión dos rolos sexa o máis uniforme posible. Dámoslle unha pasada ao prelo, e feito! Xa só queda levantar con coidado o papel para ver como quedou. E se non temos un prelo, tamén podemos usar algunha ferramenta para aplicar presión sobre o papel, como unha culler, con algo de paciencia e coidando que a matriz e o papel non se movan. 





Et voilá! aquí están algúns dos nosos resultados a secar, que xa vos presentaremos noutro momento. 


E ollo que mancha!










Ningún comentario:

Publicar un comentario