O Venres quedamos en Brest cunha axenda chea de actividades. Despois de reunirmos no Collège, collimos un tranvía para ir ata a Praza da Liberdade, no centro da cidade para visitar o Concello de Brest. Alí fomos recibidos por M. Yann Guével, tenente de alcalde e vicepresidente da Metrópole de Brest, quen tivo a amabilidade de guiarnos e de aprendernos unha chea de cousas.
O primeiro que visitamos foi o Salón de plenos, onde se reúne o goberno municipal. M. Guével explicounos alí o funcionamento da política municipal, e tamén os símbolos e emblemas de Brest, de Bretaña e da República Francesa.
Despois visitamos os salóns de recepcións, e aprendimos cousas sobre a historia da Cidade a través dos cadros onde se amosa o seu aspecto antes da destrucción que sufriu durante a II Guerra Mundial. Finalmente tivemos a oportunidade de visitar o despacho do alcalde, que ten unhas impresionantes vistas sobre a cidade.
De volta ao Collège, como tiñamos algo de tempo, tomamos o teleférico que cruza o río Penfeld para irmos aos Atéliers des Capucins, unha antiga fábrica de máquinas para barcos, hoxe transformada nun espazo cultural e de lecer. Quén nos dera que fixeran o mesmo coa Fábrica de Massó en Cangas!
De volta ao Collège, a mediodía, fumos xantar ao comedor escolar cos nosos correspondentes, antes de comezar o noso traballo xuntos.
Despois fumos ao CDI, a biblioteca escolar, onde tivemos un tempo para preparar xunto cos nosos correspondentes, a presentación dos traballos creativos que fixeron os alumnos de cada centro, usando como inspiración o patrimnio artístico.
Os alumnos de Brest explicaron aos seus compañeiros franceses todo o que fixemos ao longo do ano. Describiron as semellanzas entre os cruceiros galegos e os bretóns, e tamén contáronlles quén foi Castelao e o motivo da súa viaxe a Bretaña. Amosaron os seus "cadernos de viaxe" e explicaron a técnica empregada nos seus gravados, asemade que comentaban o que representaban as imaxes.
Pola súa banda, os alumnos franceses, dirixidos pola profesora de Artes Plásticas, Mme. Louise Nedelec, realizaron obras escultóricas inspiradas nas cruces de pedra bretoas, e nas lendas e historias que hai ao seu arredor, e descubrimos as moitas semellanzas entre a lenda do "Ankou" (a Morte) e a Santa Compaña galega. Os autores destas fantásticas obras contáronnos moitas cousas sobre o proceso creativo e sobre o seu significado.
Despois das presentacións asistimos ás clases da tarde cos nosos correspondentes. Os profesores de español aproveitaron a nosa presenza para que lles contásemos aos seus alumnos cousas do nso país, de Galicia e de Cangas e fixemos moitas tarefas xuntos.
E iso foi todo nun gran día de traballo. Moitas grazas a todo o Collège Les Quatre Moulins- Ar Milinou pola súa acollida, ao persoal e a administración, e sobre todo aos profesores Cécilia Délanney, Louise Nédelec, Olivier Launay, Sebastian Burel, Sandrine Rabineau e Julien Le Lec polo seu compromiso en facer que a nosa estadía fose tan agradable.