23 xaneiro 2024

Catálogo dos cruceiros de Cangas

Os cruceiros son unha das manifestacións artísticas máis xenuínas e particulares da arte popular de Galicia.  Son monumentos que están fortemente vencellados á nosa Terra, pois hainos por todas partes, dende as prazas das vilas ata as máis remotas corredoiras. 

Os cruceiros teñen o valor de ser testemuño das crenzas dos nosos devanceiros. Pero tamén podemos aprecialos como obras de arte nas que os nosos canteiros, a gran maioría deles anónimos, puxeron o mellor do seu oficio. Tamén forman parte da nosa paisaxe, rural ou urbana: arredor deles o noso pobo argallou historias, expresou sentimentos, vivíu e morreu. Forman parte de nós, e por iso hai que respectalos e preservalos. 

En Galicia hai arredor de 12.000 cruceiros, o que é un número enorme. Non somos o único país no que os hai. Na bretaña francesa hai tamén perto de 10.000, moitos moi parecidos ás cruces de Galicia. Por iso Castelao foi a Bretaña a visitalos, para darse conta do moito que hai en común entre estes dous países e con outros da Europa atlántica.  Os países que chamamos "celtas", como Irlanda, onde as cruces de pedra son tamén moi numerosas e antigas. 

En Cangas hai máis de 50 cruceiros. Algún, coma o cruceiro do adro de San André do Hío, está considerado como o máis fermoso de Galicia. Para estudalos e coñecelos mellor, os alumnos de 2º de ESO do IES de Rodeira creamos un catálogo dos cruceiros da Vila de Cangas, utilizando unha ficha de inventario que nos axudase a describilos. 

Nas próximas semanas iremos publicando nesta bitácora os resultados das nosas pescudas e descubertas, para que todo o mundo poida admirar os cruceiros de Cangas e aprender un pouco máis deles con nós. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario