09 xaneiro 2024

Crime pasional.

"Moza con cabuxa" Pintura de A.Daniel R. Castelao (1914)

Era unha cidade pequena de Galiza. Unha desas vilas onde calquera cousa que contas a sabían todos unha semana despois. E iso mesmo pasou o 24 de novembro de 1924.

Mario fora un mariñeiro italiano que quedara en Ferrol cando namorou de Carla. Ela non era a máis fermosa da vila, pero era moi boa. Mario e Carla casaran ese ano, o 24 de abril de 1924. Casaron primeiro na igrexa, como marcaba a tradición, e despois xuntaron ao pobo e o celebraron no cruceiro cercano.Viñera toda a xente e a parella semellaba vivir nunha película. Celebraron ata o domingo e nada fora estraño.

Nada excepto porque faltaba unha rapaza, Iria. A que fora noiva de Mario alá polo 1920. Sabíase que a moza estaba tola, e que remataran por iso.

A parella vivira os seus primeiros meses felizmente. Carla quedara embarazada en xuño e todo ía vento en popa. Cando un rumor empezou a espallarse pola vila: alguén planeaba un asasinato. Todos estaban alerta. Rezaban ao cruceiro, ían á igrexa, mercaban cousas e volvían ao cruceiro a deixar ofrendas... ata que un día pasou.

Carla espertou coma sempre... Coma sempre non: faltaba alguén ó seu carón. Vestiuse, chamouno pola casa, pero non contestaba. Viu a hora: as 12 do mediodía. Era domingo. Saíu correndo da casa. As vellas dicían entre marmurios: “Non o oiches aínda?...” Algo ía mal. A pel erizouselle e a ansiedade apareceu.

Correu polo mercado, pero para a súa sorpresa non había ninguén. Carla recorreu a vila asustada como nunca antes, e encontrounos reunidos no cruceiro. Incluso os que non crían tanto estaban alí.

Carla achegouse... cando o viu.

Mario estaba deitado ao pé do cruceiro, cun machete atravesándolle o peito. Morto e desangrado.

As anciás de Ferrol nunca recordaran algo máis sinistro que aquela mañá. A multitude estaba en choque. A xente colocara flores e candeas no cruceiro, e agora a fermosa pedra tiña sangue. Todos estaban conmocionados... Todos non.

Unha moza vestida de branco baixou correndo as escaleiras da igrexa. O vestido tiña desgarros e sangue. Sangue allea. Aquela moza era Iria, que gritando maniacamente declarou:

- “Se Mario non é meu, non será de ninguén!”

Dito isto Carla desmaiouse, sen poder soportar o que estaba a contecer. Así foi a mañá do 24 de novembro de 1924 na que morreu Mario Rossetti d'Agostino. Dende entón o cruceiro leva as súas iniciais, e conta a lenda que nas noites de néboa en novembro, se vas aos cruceiros de Ferrol, podes oír a súa voz chamando a Carla.

(Un relato de Mª. Itziar S. P.- 2ºESO C)

Ningún comentario:

Publicar un comentario