08 xaneiro 2024

Os soños non sempre son soños

 "Lenda mariña" Pintura de Urbano Lugrís (1944)

Cando camiñaba polo sendeiro das Pereiras para poder chegar á casa da miña avoa tiña o corpo aterecido polo medo e polo frío. A noite era escura e tenebrosa, non se miraba nada, tiña que forzar os ollos para poder ver por onde ía. Facía vento, as árbores movíanse, escoitaba ruidos de animais e da natureza. Todo me poñía moi nervioso, e o peor de todo é que me deixara o teléfono na casa do meu amigo, e non podía chamar a ninguén nin saber qué hora era. Igualmente estou seguro de que non habería conexión pero polo menos tería unha lanterna. Levantei a vista do chan e ao lonxe vin unhas cantas luces acendidas. Mirei un pouco máis mentres me achegaba a esas estrañas e iluminantes luces. Non tiña nin idea se era seguro ou non, pero só quería chegar a unha casa, taparme e tomar un chocolate quente.

Comecei a correr e cando me acheguei dabondo para distinguir o lugar, quedeime de pedra. Quería saltar de ledicia. Era a vila da miña avoa! Por fin! Corrín ata chegar á entrada pero... algo non coincidía. Esta vila estaba morta... Non había ninguén na rúa... Din uns pasos para atrás e mirei o cartel. “Vila Deligua”. Non me confundín de vila. Traguei saliva e adentreime... Tiña unha mala sensación... un mal augurio. Comezaba a facer máis frío e as madeiras das casas facían ruídos máis fortes. Ía mirando a todos lados intentando atopar a alguén... A miña avoa...

Estaba moi preto da casa da miña avoa cando... de súpeto noto como algo me toca a espalda. Xírome rapidamente e a primeiras non logro ver nada, pero logo... Fíxome máis e podo ver na entrada da vila a uns seres bastante raros. Quedeime quieto do medo, non podía mover nin un músculo, os ollos comezaban a moverse rápido, distinguín que eran seres humanos, ou iso semellaban. Eran seis sombras. A que ía diante levaba algo nas mans, parecía como unha cruz grande... E os demais... os demais asemellaban espíritos, cinco sombras negras, sen moverse. O único chamativo era que levaban unhas lámpadas colgadas cada un. Pasaron uns segundos que para min foron horas. O ambiente cambiou, agora o vento calmara. Non se escoitaba nada, só a miña respiración axitada. O primeiro deles comezou a camiñar cara min. Aí foi cando reaccionei, as miñas pernas comezaron a correr sen que me dese conta. Estiven correndo un bo intre ata que me atopei coa miña avoa. Caéronme algunhas lágrimas. Achegueime a ela o máis rápido que puiden... Cando cheguei ao seu carón toqueille o ombro, estaba contento, por fin a puiden atopar, un sorriso formouse na miña faciana, pero non me durou tanto... Cando a miña avoa xirou para verme... Paróuseme o corazón, din uns pasos para atrás e comecei a correr entre as casas. Non podía crer o que vira nese momento... A miña avoa... sen cara... Non me podía sacar esa imaxe da cabeza. Nin me parei a ver con detalle. Tiña tanto medo acumulado no corpo que só puiden saír correndo. Non sabía onde ía, só quería saír de alí e darlle unha gran aperta á miña nai.

Cheguei a unha especie de pau enorme con forma de cruz, un cruceiro creo que era. Achegueime e sentei a carón. Estaba moi cansado e asustado, comezara a chover e non tiña forma de volver a casa. Tapei a cabeza coa chaqueta, xuntei a cabeza co cruceiro e comecei a chorar. Ao cabo dun intre quedei durmido... Pensando que xa non me podía suceder nada peor...

Derpertei por un ouveo dun lobo. Aínda era de noite, mirábase peor que antes. Non quería levantarme, quería quedar aquí e que me atopasen ou me comesen os lobos. Levanteime con pouca esperanza e cando me xiro para mirar se pasa alguén, maxicamente polo sendeiro vexo... O que máis querería ver neses momentos!. Outra vez esas estrañas sombras! Non o podía crer. Intentei dar a volta para saír correndo pero tropecei co cruceiro e caín ó chan. Pechei os ollos e quedeime quieto. Xa non intentaría levantarme. Tampouco podería nin tiña forzas, e co medo non podía mover nin un músculo. Caéume unha bágoa polas fazulas e abrín un pouco os ollos. Miraba borroso pero xuraría que xa non estaban alí eses estraños... Paseime a man polos ollos e puiden ver como esas sombras se alonxaban. Tumbeime no chan a carón do cruceiro e quedei durmido mentres volvía a chorar.

Ao intre, noto a presenza de alguén e levanteime de golpe. Quedeime de pedra cando me dou conta que estou no meu cuarto só, sen ningunha outra persoa na habitación. Frotei os ollos e volvín tumbarme na miña cómoda cama. Pensei sobre todo o que soñei e fíxome que na miña cómoda hai unha nota. Sento no borde da cama e disposto a lela a collo...

“Bós días cariño. O teu pai e máis eu fumos a casa da avoa xa que imos ver os cruceiros que hai no sendeiro das Pereiras. Imos estar aquí ata a noite. Se queres vir, que non sexa moi tarde. Unha aperta moi grande e un bico enorme da túa nai favorita. Marta. “

Quedei de pedra ao ler a nota. Non tiña nada raro, pero despois de ter ese soño... Tal vez... Non fora só un soño...

(Un conto de Ilana L.M. - 2ºESO C)

Ningún comentario:

Publicar un comentario