07 xaneiro 2024

Un estraño presentimento.

 "Santa Compaña". Ilustración de Camilo Díaz Baliño (1920)

Hai un tempo contemplei unha pantasma, un ser que nunca pensei ver. Aconteceu o 31 de outubro, unha data marcada no calendario como a noite de Todos os Santos. Serían sobre as dez e media cando chamei as miñas amigas para quedar. Desexábamos ir polas portas a pedir o truco ou trato. Eu xa estaba listo, pero elas aínda querían modelar o seu disfrace, polo que decidín dar unha volta co meu irmán e mercar algunhas lambetadas.

Nada máis saír da casa tiven un sentimento raro e un calafrío percorreume o corpo. O tempo empezou a cambiar levantándose bastante vento e unha espesa néboa, cousa que me fixo intuir que algo podería pasar. Resultábame estraño non mirar as casas decoradas como na Florida, pero facía pouco que me trasladara a Galicia e non coñecía os seus costumes. De camiño ao “Goluts” apareceu a miña curmá Alma, que viaxara dende Biscaia para vernos, totalmente aterrada. Tiña medo porque escoitara como se alguén a perseguira facendo uns sons bastante peculiares. Ruidos de cadeas e risos. Quedei paralizado, non podía articular palabra e nada máis entrar na tenda case morro do susto. A dependenta ía tan ben maquillada que parecía un espectro. O que nun principio parecía ser unha noite tranquila estábase convertendo nun tanto estresante. Tras uns minutos logrei acougarme e mercamos unhas bolsas de “patatillas” e doces. Estabamos perto do Concello cando de súpeto vimos ao lonxe algo que nos sorprendeu.

Parecía un ancián ataviado cunha especie de gabardina negra con carapucha que lle chegaba ata os pés, tan longa que nin se lle miraban. Traía colgadas unhas cadeas bastante molestas e sentíamos que estaba a chorar por mor dalgún problema persoal. Decidín achegarme para preguntarlle se se atopaba mal e Alma e Leo tentaron frearme, pero xa era demasiado tarde. O reloxo estaba a piques de dar as doce e de súpeto o vello deuse a volta e gritoume dunha maneira que ninguén deste mundo pode imaxinar. Tentei afastarme retrocedendo sobre os meus pasos ata chegar a xunto de Leo e Alma, pero entón volveu gritar: “En serio pensabades que isto ía ser fácil? Non poderedes escapar de min. Non agora!”.

Cando lle mirei a cara percateime de que tiña o meu rostro. Era imposible! Eu aínda un cativo e el un ancián. Non tiña sentido que houbese dúas persoas completamente iguais no mundo, non si? O caso é que levaba unha cruz e un cubo de auga bendita, polo que intuín que algo malo estaba a pasar. Necesitabamos saír canto antes de alí e fíxenlles uns acenos á miña curmá e ao meu irmán. Saímos correndo, pero cada vez o espectro achegábase máis a nós arrastrando esas horribles e ruidosas cadeas. Uns días antes comentáramos algo das lendas galegas e recordei que debía busar un cruceiro para salvarnos das almas en pena que nos perseguían. Así que subimos pola rúa San Xosé en dirección ao cemiterio. Lembrei que nas historias da Santa Compaña dicían que non se podía mirar atrás así que os avisei de que por máis que quixesen non o fixesen para salvar a súa vida.

Despois dun longo tempo correndo chegamos ao cemiterio pensando que non poderían chegar ata alí, pero fixéramos mal. Meu irmán gritou o nome da miña curmá e mirei cara atrás para mirar como estaba, tirada no chan coa cabeza chea de sangue. Alguén a golpeara e tiña claro que o meu irmán non fora. Entre os dous a levantamos e saímos correndo por todos os atallos que esta vez semellaban moito máis amplos. Ao chegar a porta miramos que estaba despexada así que saímos cara o cruceiro.

A lenda contaba que se te subías ao pé do cruceiro as almas desaparecerían salvando a túa vida e nese momento soamente pensaba se a miña curmá recuperaría a súa. Estaba a piques de sufrir un desmaio de tanto cansazo. A Santa Compaña estaba demasiado preto de nós e se paraba seguro que me atrapaba, pero meu irmán axudounos a Alma e a min ata que tocamos o cruceiro.

Pechei os ollos e ao abrilos todo cambiou. Ese estraño sentimento xa non estaba, pero por desgraza o meu irmán xa non estaba connosco. Sacrificárase facendo un marabilloso xesto de amor para salvarnos a vida.

Todo foi tan real que nunca volverei a subestimar as lendas. Aínda sigo tendo pesadelos a causa da dor que sentín ao pensar que perdera ao meu irmán, así que é mellor sabercómo debemos de actuar fronte a este tipo de situacións.

(Un conto de Ainhoa P.G. - 2º ESO C)

Ningún comentario:

Publicar un comentario