03 xaneiro 2024

O misterio do cruceiro.

 "Queiman, rouban e asasinan no teu nome". 
Estampa do album "Galicia mártir" de Castelao (1937)

Hai xa cinco anos, cando estaba facendo limpeza no trasteiro da casa da miña tía, atopei unha carta da miña bisavoa contando unha historia. O relato contaba que dende que ela era pequena pasaban cousas raras o día dos Defuntos.

Cada ano aparecía un cadáver ao pé do cruceiro do Hío. Pero non só un corpo sen vida, había algo nas súas mans, unha carta. Todas as persoas que eran asasinadas o primeiro de novembro de cada ano eran pousadas na parte baixa dun cruceiro específico e cada unha cunha carta na súa man.

Nesa carta non había nada escrito, tan só un debuxo. Se o debuxo era dunha virxe, a persoa que ía morrer ao ano seguinte era muller, e se o debuxo era de Xesús, ao contrario, ía morrer un home.

Isto levantou a curiosidade na miña bisavoa, así que se puxo a investigar sobre todo o que se sabía daquilo. Non atopou moito, tan só o que todos sabían, o que vos contei antes. Ela era moi rabuda e cando quería unha cousa non paraba ata conseguila. Entón comezou a preguntarlle a toda a xente da vila se sabían algo.

O que non sabía eu cando comecei a ler esa carta era que non ía ser unha historia de medo normal, senón que ía ser a historia da súa morte. Sempre me dixeron que morrera dun ataque ao corazón, pero agora xa sei a verdade. Entre tanta xente á que lle preguntou, o asasino deuse conta de que estaba a investigar sobre o caso. Entón esperou ata o 1 de novembro de 1987 para acabar con ela. E alí estaba a miña bisavoa, ao pé do cruceiro do Hío, sen vida, cunha carta na man, como unha máis deses centos de persoas asasinadas.

(Un conto de Inés C.R. -2º ESO B)

Ningún comentario:

Publicar un comentario