Castelao é quizais a figura máis importante da cultura galega do século XX. Foi escritor, pintor, debuxante, humorista, etnógrafo, pensador e político... Foi unha persoa admirada, querida e respectada, mesmo por moitos dos que non pensaban coma el. Na súa obra preocúpase sempre de Galicia e sobre todo das xentes máis humildes e traballadoras.
Onte, 29 de xaneiro, estaría de aniversario. Para comemoralo, aquí ofrecemos un pequeno resumo da súa vida:
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo, o 29 de xaneiro de 1886, no seo dunha familia mariñeira. O seu pai emigrou a Arxentina cando era moi pequeno, e el e máis a súa nai foron canda el cando Daniel tiña 11 anos. Alí aficionouse ao debuxo e á caricatura, e en 1900 regresou a Galicia para estudar o bacharelato de artes, e despois a carreira de medicina na Universidade de Santiago.
Durante a súa estadía en Compostela comeza a colaborar cos seus debuxos nalgunhas publicacións da época e participa nalgunhas exposicións. Iso anímao a dedicarse ás artes, e abandona o seu doutoramento de medicina en Madrid. Aínda así, regresou a Rianxo en 1910 onde exerceu de médico rural e comezou a participar na política da súa vila, e a publicar os seus primeiros textos e caricaturas no xornal "El barbero municipal".
En 1912 casou con Virxinia Pereira, coa que tivo un fillo. En 1914 sufriu unha grave enfermidade que o deixou cego, pero puido recuerar a vista grazas a unha operación. Decidiu entón deixar a medicina e opositar para funcionario do Instituto Xeográfico Estadístico, e mís tarde coma profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra, cidade onde se instalou coa súa familia en 1916.
En Pontevedra participou activamente na vida cultural. Foi un dos promotores da Coral Polifónica, do Museu de Pontevedra, e das Irmandades da Fala nesa cidade. En 1920 fundou a revista "Nós", na que publican os autores galegos máis importantes do momento, e en 1923 participa na creación do Seminario de Estudos Galegos. Tamén organizou exposicións de pintura e debuxo, e colaborou con numerosas revistas e xornais, onde publicaba pequenos relatos, debuxos e caricaturas, que logo eran publicados en forma de libro. ("Cousas", "Retrincos"... ) As súas viñetas humorísticas e os seus relatos convertérono nun personaxe moi popular.
En 1928 morreu o seu único fillo, o que o mergullou nunha fonda depresión. Fuxindo da tristura, en 1929 viaxou a Bretaña xunto coa súa dona para estudar as cruces de pedra deste país.
Tras a caída da dictadura de Primo de Rivera e a proclamación da República, Castelao preséntase ás eleccións e sae elexido deputado por Pontevedra en 1931. Participa na fundación do Partido Galeguista e tamén no proxecto do primeiro Estatuto de autonomía de Galicia, que será aprobado en referendo en xullo de 1936.
En 1936, un golpe de Estado militar da orixe á Guerra Civil española, enfrontando aos partidarios da República e aos sublevados fascistas comandados por Franco. Castelao apoia ao bando republicano, deseñando os seus álbumes de guerra para denunciar a violencia fascista na nosa Terra. e tamén viaxando por diferentes países para buscar axuda para a República (A Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba).
Tras a derrota na guerra, en 1940 exíliase en Arxentina. Alí foi nomeado presidente do Consello de Galicia e ministro da República española no exilio, e continuou coa súa obra literaria e artística ata a súa morte o 7 de xaneiro de 1950.
Ningún comentario:
Publicar un comentario