01 febreiro 2024

Cruceiro do adro do Hío.

Nome: Cruceiro do Hío. 

Cruceiro do Desencravo do Santísimo Cristo da Luz. 

Parroquia: San André do Hío

Lugar: Igrexario.

Rúa ou camiño: Praza do Igrexario.

Está situado no adro da igrexa parroquial de San André do Hío.

Basamento. O basamento é de planta octogonal e ten tres chanzos.

Pedestal:  Ten forma de mesa, máis estreita na base que na cima, coma un trapecio invertido. Está decorado con molduras xeométricas. Sobre esta mesa hai outro pedestal en forma de capeliña, con catro fornelas decoradas con esculturas en altorrelevo. Cada fornela está enmarcada por dúas columniñas que sosteñen un arco escarzano ou rebaixado. Nas esquinas da capeliña hai catro grandes volutas. As dúas primeiras fornelas representan o pecado orixinal. Nunha vese a Eva falando coa serpe que está enroscada na árbore da ciencia do ben e do mal, e na outra aparece Adán comendo do seu froito. As pernas dos dous personaxes están ocultadas por unha especie de nube. Nas outras fornelas represéntase a redención do pecado. Nunha delas vese unha virxe co neno no colo, que tende a man a cinco cabezas de almiñas que arden no lume do Purgatorio. Na outra aparece Xesucristo resucitado, portando a cruz, e abrindo as portas do inferno (ou do limbo) para rescatar as ánimas que alí se atopan. 

Sobre esta capeliña hai un remate que simula unha especie de cúpula con outras catro volutas nas esquinas, e sobre a que se asenta o varal.

Varal. Ten unha basa redonda, formada por molduras. O varal ten sección redonda e está decorado con varias figuras. Na parte de abaixo están Adán e Eva expulsados do Paraíso, tapándose a entreperna avergoñados polo seu pecado. Na parte do medio do varal está unha Virxe Inmaculada, coas mans xuntas coma se rezase, pisando unha gran serpe enroscada que representa o demo, e unha media lúa. E na parte alta están dous arcanxos con alas, San Gabriel á esquerda, acompañado dun neno (unha ánima?), e San Miguel á dereita, pisando ao demo cos pés.

O capitel é corintio e ten nas esquinas catro anxos que sosteñen sobre os ombros a plataforma sobre a que se asenta a cruz.

A cruz representa o desencravo de Xesucristo despois de morrer crucificado. A cruz é simple, sen adornos, e os seus brazos teñen sección redonda. Apoiados no traveseiro da cruz hai dúas escaleiras polas que agabean dous personaxes: Nicodemo e Xosé de Arimatea. Levan ferramentas como tenaces e martelos para poder arrincar os cravos e sosteñen o corpo de Xesucristo polos brazos. Aos pes da cruz, no centro, está a Virxe, que chora mirándose as mans; María Magdalena, que tamén chora levándose as mans á cabeza, e San Xoán, que está sostendo a Xesucristo polos pés. O corpo do Cristo está rodeado por un sudario e ten o rostro sereno. Nas esquinas e aos pés da cruz hai tamén dous anxos sentados. Un deles leva os cravos, e o outro a cartela onde estaría escrito INRI.



Outros elementos: Hai dúas inscripcións case ilexibles.

Na base, nun medallón, di: FUE ECHA ESTA OBRA SIENDO ABAD D. JUAN ALVAREZ Y MAYORDOMO DEL SS SACRAMENTO D. FRANCISCO MONTERO (...)

No varal hai outra inscripción que di: CONCEDIO 100 DIAS DE INDULGENCIAS (...) D. MIGUEL GARCIA CUESTA.

Conservación. O estado de conservación é bó, aínda que algunhas figuras están cubertas por liques. O cruceiro está protexido por unha reixa para evitar que os turistas o toquen, porque xa causaran varios desperfectos. 

Preto do cruceiro hai paneis explicativos con información. 

Datos sobre o cruceiro: Foi construido cara 1872 por un canteiro coñecido como o “mestre Cerviño”, aínda que os expertos non se poñen dacordo sobre a súa identidade. Uns din que foi Xosé Cerviño García, (coñecido como Pepe da Pena), e outros que foi Ignacio Cerviño Quinteiro, quen viviu ao mesmo tempo.

Parece ser que a cruz foi esculpida nun mesmo bloque de pedra.

Está considerado como o cruceiro máis fermoso de Galicia.

Información recollida por:

Fabiola C. A. (2º ESO A)
Martín C. M. (2º ESO A)
Aitana L. R. (2ºESO A)
Alexandre C. de C. (2º ESO B)
Uxía P. O. (2º ESO C)
Ainhoa P. G. (2º ESO C)
Marcos R L. (2º ESO C)
Noelia R. P. (2º ESO C)


Ningún comentario:

Publicar un comentario