31 decembro 2023

A noite de Samain

 "Cruceiro". Pintura de Daniel R. Castelao. 1922. 

Isto aconteceu a noite do 31 de outubro, a medianoite. Érase unha vez unha nena que todas as noites de Samain as pasaba pedindo caramelos por todas as casas do vecindario. Esa noite os seus pais deixáronlle saír ata as dez porque Elisa, que é como se chamaba esta nena, non era moi maior, a penas chegaba aos 11 anos, e ía saír coas súas amigas do colexio.

Ao rematar de colleitar todas as lambetadas foi para casa, ceou, duchouse, puxo o pixama coma todas as noites, e foi para cama ver unha película, xa que ao día seguinte non había clase. De súpeto escoitou un ruido pola ventá. Asomouse para ver qué era o que pasaba. Repentinamente pechou os ollos e apareceu no medio do bosque, camiñando descalza, só cuns calcetíns e co seu pixama morado. Camiñaba sen parar, mirando para adiante todo o tempo porque escoitaba atrás pasos e tiña medo. Mirou para os seus pés e viu un montón de sombras. Percatouse de que na man tiña unha cruz que pesaba bastante. Sentía  nas pernas as pólas das árbores, xa que se tropezaba moito con elas, e notaba como un calor estraño, coma se houbese velas detrás dela ou algo parecido. Percatouse de que era a Santa Compaña por todo o que sentía. Os seus pais faláranlle dela e de cómo liberarse dela. O máis importante, dicíase Elisa todo o tempo, non mires para atrás. Recorda cómo liberarte dela: pasarlle a cruz a outro, facer un círculo no chan ou... E de súpeto encontrou a salvación: un cruceiro! É verdade!

Saíu correndo sen mirar atrás, e deixando a cruz polo camiño agarrouse ao cruceiro con todas as súas forzas e rezou para que a Santa Compaña pasase de longo. Pechou os ollos forte forte, e así foi que, cando os abriu, instantaneamente encontrouse na súa cama dun sobresalto, e cos pés cheos de terra.

(Un conto de Aldara S.Q. - 2º ESO B)

30 decembro 2023

Mar de ardora

 "Os vapores na noite", obra do pintor bretón Yan' Dargent (1896). 
Museo de Belas Artes de Quimper (Bretaña).

Nunha pequena e tranquila vila mariñeira vivía un rapaz de dez anos chamado Antón, nunha casa preto do porto. O seu pai saía na súa chalana todas as mañas. A súa nai era redeira.

A Antón gustáballe moito ir ver o solpor á praia. Ese día baixara máis tarde do normal. Tiña o presentimento de que había ardora e así foi. Estivo chapoteando e disfrutando das luces da auga un bo anaco. Cando xa pensaba voltar para casa, pareceulle ver dúas filas de luces vermellas que ían onda el. Pouco a pouco foi distinguindo a silueta. Era a Santa Compaña. Recordou o que a súa avoa lle dixera: “Se ves á santa Compaña, fai un círculo, métete dentro e come calquera cousa que teñas”. Rapidamente debuxou un círculo na area e meteu na boca un caramelo que tiña, por sorte, no seu peto.

Viu saír un neno pequeno cun barquiño de xoguete na man do medio das filas. Case non se atrevía a miralo. O neno ía cara Antón, e el tiña moito medo.

O neno ofreceulle o barquiño e deulle a man. Antón deixouse levar. Perdeu a noción do tempo. Cando espertou estaba só ao pé dun cruceiro. Recoñeceuno de inmediato. Non recordaba ben o que pasara pero estaba moi canso e doíanlle os pés.

Coñecía aquel cruceiro como a palma da súa man; sempre ía alí a xogar cos seus amigos. Pero esta vez algo lle chamou a atención. Había un barquiño tallado na súa base. El nunca o vira. Tocouno cos dedos e un montón de imaxes daquela noite apareceron na súa mente: o neno dándolle a man, aqueles homes sen rostro, e os moitos sitios polos que camiñara durante a noite.

Voltou correndo cara a súa casa e nunca lle contou nada do acontecido a ninguén. Agora cada vez que hai ardora Antón recorda todo o que lle pasara aquel día, cunha mestura de medo e de inquedanza.

(Un conto de Alía A.P., - 2ºESO A)

28 decembro 2023

O punteirón.

 San Bartolomeu, co coitelo na man dereita, e a súa propia pelica na esquerda, 
pintado por Miguelanxo Buonarroti na Capela Sixtina do Vaticano. 

Era unha escura e xélida tarde de inverno. Aitor, Manu, Roe e eu, Cándido, estabamos coma sempre xogando ao fútbol na pista en fronte do camposanto de Cangas. Xa preto da hora de marchar Roi deulle un pase tan longo a Aitor que o balón saíu fóra do campo. Aitor, coa carraxe, deulle un dos seus famosos punteiróns e todos seguimos coa mirada o arco que facía o balón de Manu ata caerse no cemiterio.

Pensmos que xa estaría pechada a reixa, pero non. Subimos a escaleira de entrada e alí estaba o balón: xunto enriba do pousadoiro do cruceiro de San Barlolomeu. Eu lembraba a historia do santo porque o meu tío chámase así, e de pequeno contárama para darme medo: San Bartolomé fora esfolado vivo. A estatua tiña na man dereita o pouco que a erosión deixara dun gran coitelo, aludindo ao seu martirio. No brazo esquerdo tiña recollida a súa propia pel coma se fose un gran pano. Aos seus pés, un pequeno diabo suxeitado cunha cadea. O pobre gañárase a pulso o ser o patrón dos curtidores. Comezamos a rirnos todos cando contei a historia, porque na nosa cuadrilla somos todos uns tipos máis duros que o turrón de Alacant.

As primeiras gargalladas duráronnos pouco: comezamos a ver polo corredor central do camposanto desfilar cara nós unha procesión de ánimas en pena levando uns cirios acendidos. Na cabeza ía o esfolado San Bartolomeu, portando entre as súas mans unha cruz e un caldeiro con auga bieita. Manu berrou:

- É a Santa Compaña!

Sen importarlles o cruceiro, tal fora a nosa afronta, íanse achegando cada vez máis. Nestes intres todos eramos xa turrón do brando. A lenda di que o que vai encabezando a Santa Compaña só será ceibado cando atope a outra persoa a quen entregarlle a cruz e o caldeiro.

Manu que coñecía a lenda, para non ser o destinatario da cruz e o caldeiro, abriu os brzos en cruz e berrou:

- Xesucristo! Cruz teño!

Roi estivo espilido, reaccionou rápido e fixo ao instante exactamente o mesmo que Manu.

Eu estaba quedo, paralizado polo medo. San Bartolomeu achegouse a min. Pero mirou nas miñas mans o balón do Celta de Manu, que collera antes de contar a historia. Ese día souben que se tes as mans ocupadas non te poden entregar a cruz e o caldeiro.

San Bartolomeu fixo un aceno de enfado e entregoulle os dous obxectos a Aitor. A fin de contas fora el o do punteirón.

Todos corremos espantados. Ao día seguinte, cando me levantei, pensei que todo fora un pesadelo. Pero ao chegar ao instituto, o pupitre de Aitor estaba baleiro.

(Un relato de Cándido S. S. - 2º ESO A)

27 decembro 2023

Historias de medo.

 Portada de "Cousas", de Castelao (1929)

Castelao foi un gran narrador de historias. Escribíu unha chea de pequenos relatos que publicaba na prensa da súa época, como A Nosa Terra, Nós, Galicia, Céltiga, ou El Pueblo Gallego, e que comezou a acompañar cun pequeno debuxo ou ilustración. Máis tarde, estes contiños foron recompilados en libros, como “Cousas” (varios volumes), ou “Retrincos”. Castelao inventou o seu propio xénero literario, con pequenas anecdotas ilustradas onde se xuntan a comedia co drama, a amargura co humor. Igual que pasa coas súas viñetas humorísticas, primeiro apreciamos o evidente, pero despois déixanos sempre a pensar.

Nós quixemos homenaxear e remedar ao noso xeito ao Castelao escritor. Co gallo da celebración do día de Defuntos, os nosos alumnos imaxinaron relatos tétricos e arrepiantes arredor dos cruceiros. Meigas, aparecidos, pantasmas, Santa Compaña... nas encrucilladas pode ocurrir calquera cousa! Nos próximos días publicaremos unha escolma dos mellores retrincos saídos do caletre da rapazada de Rodeira. Preparádevos para tremer!

(Grazas a Ana Gómez, profe de Galego, pola súa colaboración)

26 decembro 2023

Feliz Nadal - Nedeleg laouen!









Adoración dos Magos, nacemento de Xesús e fuxida a Exipto: 
Figuras no calvario de Guimiliau, en Bretaña, que Castelao visitou na súia viaxe en 1928. 

Estamos en tempo de Nadal, unha época na que dende tempos inmemoriais celebramos o solsticio de inverno, a data a partir da que os días comezan outra vez a medrar e as noites deixan de ser tan longas. Os romanos chamaban a esta festa o Sol Invicto, e celebraban convites familiares nas súas casas, decoradas con follas de edra, de acibro ou de visgo, acendían candeas para celebrar a chegada da nova luz, e dábanse pequenas figuriñas de barro como agasallo. Os cristiáns tamén escolleron este día do Sol Invicto, o 25 de decembro, para celebrar o nacemento de Xesús, e cara o ano 330 o emperador Constantino instituiu a celebración cristiá do Nadal. Os pobos nórdicos celebraban tamén ese día o nacemento de Frei, deus do sol abrente, da chuvia e  da fertilidade, e os persas celebraban o nacemento do seu deus solar Mitra. Pouco importa o lugar e o tempo, os deuses e as culturas. Nestas datas celebramos o final dun novo ciclo, o renacer da luz, e xuntámonos cos seres que amamos, a familia, os amigos, para desexarnos boa fortuna. 

Feliz Nadal - Nedeleg laouen!

22 decembro 2023

Para qué serve un cruceiro?

 

Dicía Castelao que... “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo”.

Un cruceiro é un exvoto, un monumento feito por xente que agradecía ao Ceo por algún favor recibido, como terse librado dun andacio ou dun perigo, ou pedía pola salvación das ánimas dos finados ou dos vivos. Moitos cruceiros conmemoran un feito luctuoso: un accidente mortal, un naufraxio, un crime, ou simplemente foron levantados para chorar a morte dun ser especialmente querido. Algús cruceiros eran feitos por particulares pola súa propia devoción, e outros eran sufragados polos veciños da parroquia.

Os cruceiros adoitan situarse nas beiras dos camiños e sobre todo nas encrucilladas. Hainos tamén nas prazas de aldeas e vilas, e nos adros das igrexas e capelas. As cruces sinalaban os camiños cara os santuarios onde se celebraban romerías ou peregrinacións, e tamén cara os cemiterios. Neses cruceiros adoita haber mesas ou pousadoiros onde deixar o sartego do defunto e rezar un responso camiño do camposanto, ou a imaxe dun santo que se sacara en procesión.

Os cruceiros das aldeas son lugares de encontro. Nas gradas dos seus pés séntase a xente a facer faladoiros. Algús son o centro das festas, e se engalanan con flores e luces no día da celebración. Outros cruceiros están afastados, sinalando os límites das parroquias e dos concellos. Quizais algúns foron erguidos para santificar lugares que xa eran sagrados en época pagana. Para os viaxeiros as cruces solitarias eran unha protección para escorrentar os perigos, reais ou imaxinarios, que podían atopar nos camiños: os lobos, as tormentas, ou mesmo a Santa Compaña.

Os cruceiros son espazos sagrados onde a xente acodía a rezar a falta de igrexa. Os meniños que morrían sen seren bautizados, ou a xente que morría nun gran pecado,coma os suicidas, podían ser enterrados ao pé dos cruceiros buscando a protección para as súas ánimas. As nais que temían perder aos seus fillos durante o embarazo ían aos cruceiros a que lles bautizaran os nenos aínda na barriga. A xente deixaba no pé dos cruceiros esmolas para sufragar misas, ofrendas, froitos da colleita, ou acendía candeas e velas polas ánimas dos seus achegados. Arredor dos cruceiros celebrábanse todo tipo de rituais máxicos: aos nenos pequenos “cortábaselles a pexa” para que aprenderan a andar, e as meigas mandaban facer alí todo tipo de esconxuros para escorrentar males de ollo, meigallos e tangaraños.

Aínda que hoxe seguen a erguerse cruceiros coma antes, agora non se fai só por devoción relixiosa, senón coma símbolo que son da cultura de Galicia, para adornar espazos públicos como parques e prazas, ou privados como fincas e xardíns particulares.

Para saber máis sobre os usos dos cruceiros, miramos en clase o documental “As testemuñas silenciosas”, onde diferentes estudsos e antropólogos falan da historia e das historias que hai detrás dos cruceiros de Galicia. Aquí está o enlace para quen o queira volver a ver.

16 decembro 2023

Conferencia sobre o cruceiro do Hío

O 28 de setembro iniciamos o noso proxecto asistindo a unha conferencia do investigador Anxo Coia sobre a autoría do Cruceiro do Hío na aula de usos múltiples.

Esta conferencia celebrouse no marco das III Xornadas Antonio Nores Soliño, que se organizan pola Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto en lembranza deste chorado veciño de cangas, falecido en 2020, loitador incansable pola defensa do seu patrimonio histórico artístico e a recuperación da memoria histórica, e autor de varios libros sobre a arqueoloxía e a historia canguesa. Aínda que as Xornadas se celebraron no Concello, Anxo Coia tivo a amabilidade de ofrecernos a súa ponencia no noso instituto para todo o alumnado de 2º de ESO. 

O cruceiro de Hío é considerado por moitos o máis fermoso e monumental de Galicia, e está situado no adro da igrexa de San André do Hío, no Concello de Cangas. Foi erguido por iniciativa da parroquia en 1872 e é dos poucos que representan a escea do desencravo de Xesucristo na cruz. Porén, non se sabe con certeza quen foi o autor. Mentres uns din que foi Xosé Cerviño García, alcumado Pepe da Pena, hai quen pensa que o seu autor foi Ignacio Cerviño Quinteiro, quen viviu ao mesmo tempo e con quen compartía apelido. Anxo Coia falounos da obra dos dous canteiros Cerviño para intentar resolver este misterio.






13 decembro 2023

O noso logotipo.

 

Presentámosvos o logo do noso proxecto.
O noso logo está inspirado nun círculo rodeado por unha lacería que forma unha cruz. Está inspirado nalgunhas cruces en pedra que decoran os tímpanos das portadas e os pinchos dos tellados de moitas igrexas medievais de Galicia. 
Castelao prestou atención a estas cruces no seu estudo “As cruces de pedra na Galiza” e na primeira edición desta obra, en Bos Aires, aparecía campando na capa do libro. Así que para nós, este logo representa o motivo do noso traballo, ao relacionar as cruces de pedra, o patrimonio e a obra de Daniel R. Castelao..
Ademais, os motivos entrelazados foron moi empregados polos monxes irlandeses para decorar as súas ardchros ("cruces altas") dos seus mosteiros e tamén nos deseños cos que ilustraban os seus evanxeos, aínda que estes deseños eran empregados de moito antes, xa dende a Idade do Ferro, e tamén nos castros galaicos. No século XIX, os entrelazos foron outra vez popularizados polo movemento cultural pancéltico, que defendía a identidade cultural das nacións celtas da Europa atlántica, do que moitos intelectuais de Galicia (coma o mesmo Castelao) quixeron formar parte. O noso logo tamén quere usar o entrelazo como lembranza dunha identidade cultural común entre as fisterra/finistères atlánticos.
Ademais, os entrelazos aluden tamén á idea do cruce dos camiños, do punto de encontro que foron e son os cruceiros de Galicia e de Bretaña. Tamén representan un nó infinito, que simboliza todo o que nos vencella, o que nos une como pobos, e que queremos compartir con todos vós.

07 decembro 2023

A encrucillada de camiños entre Galicia e Bretaña.

"O cruceiro da Carballeira". Obra de Daniel Castelao (c. 1922-1929) Museu de Pontevedra. 

Os cruceiros constitúen un dos sinais de identidade máis senlleiros da paisaxe de Galicia. Situados nas encrucilladas, nos adros das igrexas ou nas prazas de aldeas, vilas e cidades, son unha mostra de arte popular omnipresente en todas partes, e unha icona que non se pode separar da imaxe do país. Os cruceiros non son simplemente unha manifestación más dunha devoción relixiosa, senón que arredor deles pervive un riquísimo folclore en forma de lendas, costumes e crenzas que arraigan na noite dos tempos. A finalidade dos cruceiros é moi variada: poden ser levantados como acto expiatorio, para pedir perdón ao ceo por un pecado, ou como acción de grazas por unha miragre recibida. Tamén servían para conmemorar acontecementos moitas veces tráxicos (un accidente, un naufraxio, un crime...) ou para rezar polas ánimas de persoas que foron queridas por quen pagaron o monumento. Os cruceiros serviron tamén como talismán protector fronte a forzas escuras e malvadas, como a Santa Compaña, ou para santificar antigos lugares de culto pagáns que seguían a ser sagrados para os veciños dun lugar, e que a Igrexa facía así seus... Nalgúns cruceiros as meigas facían esconxuros para curar meigallos e tangaraños, e ás veces ao seu pé se enterraban as xentes que morrÍan sen a beizón de Deus, para procurar a salvación da súa ánima poñéndose ao seu abeiro. Cada cruceiro ten unha historia detrás que é tamén a pequena historia do pobo que os ergueu.

A paisaxe de Bretaña, como a de Galicia, está salferida tamén por milleiros de cruces de pedra. Igual que en Galicia, as “croix ornées” sinalan as encrucilladas dos camiños, sacralizan os vellos megalitos coma os menhires e dólmenes, ou lembran algún feito luctuoso. Sobre todo, adornan os adros das igrexas, presidindo o camposanto. É alí donde se desenvolve a súa versión máis monumental, o “calvaire”, verdadeiros evanxeos en pedra con ducias de figuras, que serviron como catecismo para as gentes iletradas, e como símbolo do poder e riqueza de cada freguesía. Os calvaires son quizais os monumentos relixiosos máis representativos e idiosincráticos de Bretaña.

Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo 1886- Buenos Aires 1950) é unha das figuras máis importantes da cultura gallega do século XX. Foi pintor, humorista, escritor, político e pensador... e toda a súa obra está vencellada co sentir das xentes da súa Terra. E como artista sensible ao espíritu do pobo, Castelao interesouse moito polos cruceiros e polo seu estudo. En 1929 emprendeu unha viaxe a Bretaña, en Francia, grazas a unha bolsa de estudos da Institución Libre de Enseñanza, co fin de estudar as cruces de pedra bretoas. Durante meses visitou, fotografou e fixo moitos debuxos dos cruceiros de aló, e rematou por escribir un pequeno ensaio, “As cruces de pedra da Bretaña”, un dos traballos pioneiros sobre o tema, aínda que moi pouco coñecido en Bretaña. Castelao fixo do estudo das cruces de pedra a obra da súa vida, e máis tarde, puido completar o seu traballo publicando, moi pouco antes da súa morte no exilio, o seu gran estudo sobre os cruceiros galegos. Ambos os dous libros están ilustrados cos fermosos debuxos que trazou in situ. Entre eles hai algúns dos cruceiros de Cangas, unha vila que conta con algún dos cruceiros máis fermosos de Galicia.

Esta é a bitácora do noso proxecto “Encrucillada de camiños”, co que pretendemos seguir os pasos de Castelao por Galicia e Bretaña, e aprender dos seus traballos que foron o alicerce dun recoñecemento mutuo entre ambos os dous países atlánticos, que comparten moito máis que as súas cruces de pedra. Usando como fío conductor a arte popular galaico-bretoa, os alumnos do IES de Rodeira en Cangas e do Collège Quatre Moulins-Ar milinou de Brest traballaremos xuntos sobre a arte popular e particularmente as cruces de pedra, sobre os mitos, as crenzas e o folclore que os rodean. Exploraremos con esta escusa camiños creativos, artísticos e literarios, seguindo a pegada de Daniel Castelao, e acadaremos consciencia do valor dun patrimonio propio e asemade compartido con outras áreas do espazo europeo.

Sede benvidos.