Nome: Cruceiro do Hío.
Cruceiro do Desencravo do Santísimo Cristo da Luz.
Parroquia: San André do Hío
Lugar: Igrexario.
Rúa ou camiño: Praza do Igrexario.
Está
situado no adro da igrexa parroquial de San André do Hío.
Basamento. O basamento é de planta
octogonal e ten tres chanzos.
Pedestal: Ten forma de mesa, máis
estreita na base que na cima, coma un trapecio invertido. Está
decorado con molduras xeométricas. Sobre esta mesa hai outro
pedestal en forma de capeliña, con catro fornelas decoradas con
esculturas en altorrelevo. Cada fornela está enmarcada por dúas
columniñas que sosteñen un arco escarzano ou rebaixado. Nas
esquinas da capeliña hai catro grandes volutas. As dúas primeiras
fornelas representan o pecado orixinal. Nunha vese a Eva falando coa
serpe que está enroscada na árbore da ciencia do ben e do mal, e na
outra aparece Adán comendo do seu froito. As pernas dos dous
personaxes están ocultadas por unha especie de nube. Nas outras
fornelas represéntase a redención do pecado. Nunha delas vese unha
virxe co neno no colo, que tende a man a cinco cabezas de almiñas
que arden no lume do Purgatorio. Na outra aparece Xesucristo
resucitado, portando a cruz, e abrindo as portas do inferno (ou do
limbo) para rescatar as ánimas que alí se atopan.

Sobre esta capeliña hai un remate que
simula unha especie de cúpula con outras catro volutas nas esquinas,
e sobre a que se asenta o varal.
Varal. Ten unha basa redonda, formada
por molduras. O varal ten sección redonda e está decorado con
varias figuras. Na parte de abaixo están Adán e Eva expulsados do
Paraíso, tapándose a entreperna avergoñados polo seu pecado. Na
parte do medio do varal está unha Virxe Inmaculada, coas mans xuntas
coma se rezase, pisando unha gran serpe enroscada que representa o
demo, e unha media lúa. E na parte alta están dous arcanxos con
alas, San Gabriel á esquerda, acompañado dun neno (unha ánima?), e
San Miguel á dereita, pisando ao demo cos pés.
O capitel é corintio e ten nas
esquinas catro anxos que sosteñen sobre os ombros a plataforma sobre
a que se asenta a cruz.
A cruz representa o desencravo de
Xesucristo despois de morrer crucificado. A cruz é simple, sen adornos, e os seus brazos teñen sección redonda. Apoiados no traveseiro da
cruz hai dúas escaleiras polas que agabean dous personaxes: Nicodemo
e Xosé de Arimatea. Levan ferramentas como tenaces e martelos para
poder arrincar os cravos e sosteñen o corpo de Xesucristo polos
brazos. Aos pes da cruz, no centro, está a Virxe, que chora
mirándose as mans; María Magdalena, que tamén chora levándose as
mans á cabeza, e San Xoán, que está sostendo a Xesucristo polos
pés. O corpo do Cristo está rodeado por un sudario e ten o rostro
sereno. Nas esquinas e aos pés da cruz hai tamén dous anxos
sentados. Un deles leva os cravos, e o outro a cartela onde estaría
escrito INRI.
Outros elementos: Hai dúas
inscripcións case ilexibles.
Na base, nun medallón, di: FUE ECHA
ESTA OBRA SIENDO ABAD D. JUAN ALVAREZ Y MAYORDOMO DEL SS SACRAMENTO
D. FRANCISCO MONTERO (...)
No varal hai outra inscripción que di:
CONCEDIO 100 DIAS DE INDULGENCIAS (...) D. MIGUEL GARCIA CUESTA.
Conservación. O estado de conservación
é bó, aínda que algunhas figuras están cubertas por liques. O
cruceiro está protexido por unha reixa para evitar que os turistas o
toquen, porque xa causaran varios desperfectos.
Preto do cruceiro hai paneis explicativos con información.
Datos sobre o cruceiro: Foi construido
cara 1872 por un canteiro coñecido como o “mestre Cerviño”,
aínda que os expertos non se poñen dacordo sobre a súa identidade.
Uns din que foi Xosé Cerviño García, (coñecido como Pepe da
Pena), e outros que foi Ignacio Cerviño Quinteiro, quen
viviu ao mesmo tempo.
Parece ser que a cruz foi esculpida nun
mesmo bloque de pedra.
Está considerado como o cruceiro máis
fermoso de Galicia.
Información recollida por:
Fabiola C. A. (2º ESO A)
Martín C. M. (2º ESO A)
Aitana L. R. (2ºESO A)
Alexandre C. de C. (2º ESO B)
Uxía P. O. (2º ESO C)
Ainhoa P. G. (2º ESO C)
Marcos R L. (2º ESO C)
Noelia R. P. (2º ESO C)