29 febreiro 2024

Calvario tras da Igrexa de Coiro

Nome: Calvario tras da Igrexa de Coiro

Parroquia: Coiro. 

Lugar: Igrexairo

Rúa ou camiño: Rúa do Cruceiro nº 2

Basamento: Non ten. As tres cruces están sobre un parterre recercado en pedra, e protexidas por unha sebe. 

Pedestal: Non ten. As cruces saen directamente do chan.  

Varal: Son tres cruces que representan a escea do Gólgota. A cruz do centro ten o varal de sección octogonal, liso e sen decoración, e de arredor de dous metros de altura. As dúas cruces a cada beira son lixeiramente máis baixas e teñen sección redonda, tamén lisos e sen decoración. 

Capitel: A cruz central ten un capitel de orde xónica, con volutas nos cantos, e na cara frontal unha especie de coroa no centro. As cruces laterais teñen capiteis dóricos, moi sinxelos. Os capiteis están separados do fuste por un colarete amplo e unha moldura.  

Cruz: As cruces teñen os brazos de sección cadrada, e non teñen figuras. As cruces laterais teñen o traveseiro inclinado, mentres que a do centro é horizontal. 

Estado de conservación: Bo. 

Outras informacións: Este calvario foi restaurado no ano 2014 pola Escola de Canteiros de Poio. No ano 2011 a unha das cruces faltáballe o remate e no 2013 un dos varais estaba caido no chan. Hoxe as cruces están separadas da estrada por unha sebe. 

Información recollida por: 

Alexandre C. de C. (2º ESO B). 

28 febreiro 2024

Cruceiro de Laxielas

Nome: Cruceiro de Laxielas, Cruceiro da Pereira.

Parroquia: Coiro. 

Lugar: Laxielas

Rúa ou camiño: Na encrucillada entre a Rúa da Boubeta e a Rúa da Cruxeira 

Basamento: Ten un só chanzo e de forma irregular. Máis que un basamento, é un poio adosado ao valo dunha finca. 

Pedestal: Ten forma de prisma cadrangular, cos cantos superiores biselados. Na parte frontal ten unha inscripción na que se pode ler: 

ES PROPIEDAD
DE JOSE FERNAN
DEZ AÑO 1896

Varal: Ten sección octogonal, liso e sen figuras, non moi alto e bastante groso. 

Capitel: É de orde pseudo-dórica, formado por un prisma cadrado e liso, e sobre el un tronco de pirámide invertido, tamén liso e sen decoración. 

Cruz: Ten os brazos de sección octogonal, cos remates cadrados. No anverso hai unha figura de Cristo crucificado, ben proporcionado, fundido en metal (bronce) e de feitura industrial, que parece un engadido posterior. Sobre a cabeza hai unha cartela enrolada tamén en bronce coa inscripción INRI.  

Estado de conservación: Bo. 

Outras informacións: A carón do cruceiro hai unha caixa metálica con tapa de vidro para poñer candeas. e sobre o pedestal hai potes onde a xente adoita a poñer flores.

Información recollida por: 

Alexandre C. de C. (2º ESO B). 

27 febreiro 2024

Calvario do adro de Coiro

Nome: Cruceiro / calvario do adro de Coiro

Parroquia: Coiro. 

Lugar: Igrexario.

Rúa ou camiño: Rúa do cruceiro. 

É un conxunto de tres cruces diante da fachada da Igrexa parroquial de San Salvador de Coiro. 

Basamento: Non ten. Os varais apóianse sobre o muro do adro da Igrexa. 

Pedestal: Non ten. 

Varal: Ten sección circular, liso e sen figuras e non moi alto (arredor de 1'5 metros). A cruz central é lixeiramente máis alta que as outras. 

Capitel: Hai tres cruces: 

O capitel da dereita ten un capitel dórico moi sinxelo. 

O capitel da esquerda é pseudodórico, cun equino trapezoidal e un ábaco cadrado. 

O capitel da cruz central é xónico, con volutas nas esquinas. No centro do ábaco hai cabezas de anxo con alas, agás na parte frontal, onde hai unha caveira sobre unhas tibias crzadas. 

Os capiteis están separados do varal por un colar ancho e unha moldura de toro semicilíndrica. 

Cruz: Todas as cruces teñen os brazos de sección cadrada. As cruces dos lados non teñen figuras. 

A cruz central ten no anverso un cristo de aspecto realista, coa cabeza inclinada á esquerda e o pano de pureza antado á dereita, coas costas e brazos pegados á cruz. Sobre a cabeza ten unha cartela sen inscripción. No reverso hai unha Virxe das Dores ou da Soidade, con manto sobre a cabeza, as mans enlazadas rezando, e unha cabeza de anxo entre nubes baixo os pés. 

Estado de conservación: Bo. 

Outras informacións: É un dos raros "Calvarios" (representación das tres cruces) que hai conservadas en Galicia. 

Información recollida por: 

Alexandre C. de C. (2º ESO B). 

26 febreiro 2024

Cruceiro da Misericordia

 
Nome: Cruceiro da Misericordia

Parroquia: Coiro. 

Lugar: A Rozada / Boubeta.

Rúa ou camiño: Na encrucillada entre a Rúa ou camiño da Rosada e a Rúa da Raposa. 

Basamento: Ten un só chanzo. Máis que un basamento, é un poio adosado ao muro dunha finca. 

Pedestal: Ten forma de prisma cadrangular, cunha cartela na fronte en rebaixe, e dentro unha inscripción coa data do cruceiro que di: AÑO / DE 1894. 

Varal: Ten sección octogonal, liso e sen figuras. Na parte superior, antes do capitel, ten unha banda decorada con feixes nas caras do fuste e follas nas esquinas, moi xeométricas. 

Capitel: Separado do varal por un colar, ten un capitel de orde preudocorintia ou composta, con volutas nas esquinas e palmetas nos frontais.  

Cruz: Ten os brazos de sección cadrada. No anverso hai unha figura de Cristo crucificado, ben proporcionado e de feitura realista, cos brazos extendidos en forma de V e un pano de pureza anoado á esquerda, moi naturalista. O Cristo está policromado. Sobre a cabeza hai unha cartela enrolada en vertical coa inscripción INRI.  

Estado de conservación: Bo. 

Outras informacións: Sobre o pedestal hai unha caixa metálica con tapa de vidro para poñer candeas. Case sempre hai velas acesas. Tamén hai potes onde a xente adoita a poñer flores, así como para adornar o fuste. 

Detrás do cruceiro, á dereita, e pegado ao muro da finca, hai unha placa conmemorativa do centenario do cruceiro. 

Información recollida por: 

Alexandre C. de C. (2º ESO B). 

24 febreiro 2024

Cruceiro de San Roque.

Nome: Cruceiro de San Roque. 

Cruceiro de Serra Poñente. Cruceiro de Xaulera ou de Soulera. 

Parroquia: Darbo. 

Lugar: San Roque do Monte. 

Rúa ou camiño: Rúa de Serra Poñente. 

Está na encrucillada entre o camiño de Serra Poñente e o Camiño Vello de San Roque. 

Basamento: Ten pranta cadrada e tres chanzos. 

Pedestal: Ten forma de prsma cadrangular, liso e sen decoración. 

Varal: Non ten basa. Ten sección cadrada na base e logo octogonal, e non ten decoración. 

Capitel: No seu estado actual, non ten capitel. Antigamente tiña un capitel de orde corintia. 

Cruz: Pequena e simple, cos brazos de sección cadrada, e sen figuras. Antigamente tiña un Xesucristo crucificado. 

Estado de conservación: Malo. Está roto e alterado. 

Outras informacións: O cruceiro tiña un capitel e un crucifixo con un Cristo cravado, pero rompeu nun acto vandálico, cando tres mozos de festa agabearon por el durante as festas de Darbo en setembro de 2011. Estivo sen cruz durante moitos anos pero hai uns catro anos se engadiu a cruz actual, moi diferente da orixinal. Seica os anacos do cristo e o capitel do vello cruceiro están custodiados no Concello de Cangas ou no Auditorio municipal. 

Martina D. mandounos estas fotos antigas do cruceiro antes de ser estragado polos vándalos. 




Información recollida por: 

Nerea B. C. (2º ESO C)

Martina D. G. (2º ESO B)

23 febreiro 2024

Cruceiro do Castelo.

Nome: Cruceiro do Castelo. 

Cruz de Castro

Parroquia: Darbo. 

Lugar: O Castelo. 

Rúa ou camiño: No cruce das Ruas de Serra de Poñente, Cruz de Castro e Palacio. 

Está nunha portela entre a Serra de Nacente e a da Madalena, nunha encrucillada entre o camiño que rodea a Serra de Poñente e a estrada que vai ata Herbello, en Aldán.

Basamento: Non ten. O cruceiro está rodeado dun muro de pedra baixo e unha pequena reixa. 

Pedestal: Ten forma cadrada na base, e logo cilíndrica. 

Varal: Non ten basa. Ten sección octogonal e éliso, sen decoración. ten unha altura aproximada de dous metros. 

Capitel: está separado do varal por unha moldura en forma de anet. Ten forma de prisma octogonal. Na parte inferior ten como decoración uns botóns ou flores en relevo. 

Cruz: Ten secciíon octogonal. Os brazos curtos rematan en dúas puntas curvadas (cruz ancorada). No
anverso aparece Xesucristo crucificado, cos brazos e o corpo pegados á cruz, a cabeza xirada á esquerda e un pano de pureza amplo anoado á dereita. No reverso da cruz hai unha Virxe co neno xesús no colo, e coa cabeza coroada. 

Estado de conservaciión: Regular. As figuras están bastante erosionadas. Está no centro dunha encriucillada transitada, pero protexido por un pequeno valo. 

Outras informacións: O cruceiro data de 1881. 

Información recollida por: 
Antón B. L. (2º ESO B)

22 febreiro 2024

Cruceiro da Capela de San Roque.

Nome: Cruceiro da Capela de San Roque. 

Parroquia: Darbo. 

Lugar: San Roque do Monte. 

Rúa ou camiño: Subida a San Roque do Monte. 

Está na beira dunha esplanada, a carón do adro da ermida de San Roque. 

Basamento: Ten pranta cadrada e tres chanzos. 

Pedestal: Ten forma de trapecio. Está decorado na parte de diante e de detrás con relevos de dúas caveiras e dúas tibias cruzadas, moi desgastados. 

Varal: Non ten basa. Ten sección octogonal, e liso, sen decoración. A súa altura é de arredor de dous metros. 

Capitel: En porma de prisma cadrangular, moi simple e liso, sen decoracións. Está separado do varal por unha moldura en forma de anel. 

Cruz: Ten os brazos de sección cadrada. No anverso está Xesucristo crucificado, cos brazos e o corpo pegados a cruz. No reverso está San Sebastián, no momento do seu martirio (foi condenado a morrer asaeteado), espido e de pé sobre unha ménsula redonda, e coas mans atadas nas costas. 

Outros elementos destacables: Na parte de adiante do varal hai un farol para que a xente acenda candeas. Soen poñer flores ao pé do cruceiro. 

Estado de conservación: Regular. As figuras están bastante erosionadas. 

Outras informacións: O cruceiro data de principios do século XVII. Tanto San Sebastián (representado no cruceiro) coma San Roque (que se venera na capela próxima) son santos avogados contra a peste e os andacios. 

Información recollida por: 
Noelia R. P. (2º ESO C). 

21 febreiro 2024

Cruceiro do Lameiro

Nome: Cruceiro do Lameiro

Cruceiro de Santiago. 

Parroquia: Darbo.

Lugar: Lameiro / O Castelo

Rúa ou camiño: Rúa de Cimadevila 5A

Está na beira dun camiño, separado por un muro baixo, xunto unha encrucillada e un lavadoiro. 

Basamento: Ten pranta cadrada e catro banzos. 

Pedestal: Ten forma de prisma cuadrangular cos bordes superiores en bisel. Ten unha inscripción coa data do cruceiro: 1898. 

Varal: Non ten basa. ten sección octogonal, e cadrada na parte inferior. A media altura, sobre unha ménsula, hai unha figura de Santiago, con hábito de peregrino, con chapeu de aba ancha e capa coa cuncha de vieira. Nunha man leva un caxato con cabaza e na outra un libro. 


Capitel: Está separado do varal por un colar. É de orde corintia ou composta, con follas na parte inferior e volutas nas esquinas. No centro de cada cara do capitel hai un querubín ou anxo con alas e as mans xuntas coma se rezase. Na cara da parte de atrás hai unha caveira con tibias cruzadas.  

Cruz: Os paus teñen sección cadrada. Na parte de adiante está Xesucristo coa cabeza ladeada á esquerda, cos brazos e o corpo pegados á cruz. Leva coroa de espiñas e un pano de pureza amplo. Sobre a cabeza hai unha cartela en forma de rolo coa inscripción INRI. Na parte de atrás hai unha imaxe da Virxe do Rosario. Está de pé sobre unha ménsula, leva sobre a cabeza unha coroa, e sostén un rosario de doas coa man esquerda. Leva no colo ao neno Xesús, que sostén nas súas mans unha bola. 

Outros elementos: Na parte de adiande do cruceiro, sobre o último chanzo, apoiado sobre dous pés, hai un pousadoiro feito cunha gran lousa de pedra. 

Estado de conservación: Bó, sen problemas de conservación. Hai elementos que afean o entorno, como tendidos de cables e contedores de lixo. 

Outros datos: O autor do cruceiro foi Antonio Caamaño Martínez, no ano 1898. 

Datos recollidos por: 
Alía A. P. (2º ESO A)


20 febreiro 2024

Cruceiro da Pedreira


Nome: Cruceiro da Pedreira. 

Parroquia: San Salvador de Coiro. 

Lugar: A Pedreira. 

Rúa ou camiño: Rúa da Pedreira 33. 

Nunha pequena praciña no cruce da Rúa da Pedreira co camiño da Fontaíña, e a carón dunha fonte. 

Basamento: Ten pranta cadrada, e un chanzo. 

Pedestal: Ten forma de prisma cadrangular. Ten unha inscripción polos catro lados: 

Reverso: DOADO POR
Dereita: AGUSTIN MARCOS CHAPELA
Esquerda: SUSANA CASAS RODAS
Fronte: A PEDREIRA 28-7-1967


Varal: Ten unha basa moi ampla, formada por unha moldura do mesmo tamaño que o pedestal. O varal é de sección octogonal, e cadrado nos extremos. Ten uns dous metros de altura aproximadamente, e é liso e sen decoracións. 

Capitel: De orde corintia, decorado con follas equemáticas polas catro caras. 

Cruz: Os brazos teñen sección cadrada, e os remates decorados con catro puntas como unha flor (cruz florenzada) con un botón no centro. 

No anverso hai unha figura de Xesucristo, de boas proporcións, coa cabeza inclinada cara abaixo, e con coroa de espiñas. Sobre a cabeza hai unha cartela inclinada coa inscripción INRI. 

Non hai figuras no reverso da cruz. 

Estado de conservación: Excelente, está ben coidado. Hai tendidos de cables que afean un pouco a contorna. 

Outras informacións: Seica antes deste cruceiro había outro, pero disque un veciño borracho rompeuno. Por iso, os veciños da casa que estaba diante do cruceiro mandaron facer o actual. 

É dos poucos cruceiros onde a dedicatoria está escrita en galego. 

Información recollida por: 
Elena S. C. (2º ESO A)
Celia J. C. (2º ESO C)

19 febreiro 2024

Cruceiro de San Pedro.

Nome: Cruceiro de San Pedro. 

Parroquia: Darbo. 

Lugar: San Pedro. 

Rúa ou camiño: Rúa de San Pedro 2. 

Está nunha pequena praciña, no cruce da Rúa de San Pedro coa Rúa do Souto, na beira do camiño que pasa pola ermida de San Pedro, que está a 50 metros. 

Basamento: Ten pranta cadrada e un único banzo. 

Pedestal: De forma cúbica e sen decoracións nin inscripcións. 

Varal: Non ten basa. Ten sección octogonal, e é liso, sen adornos nin figuras. É pequeno, non chega aos dous metros de alto. 

Capitel: De orde xónica, con volutas nas esquinas. Está separado do varal por un colar deliitado con molduras. 

Cruz: Ten os brazos de sección cadrada. Na parte de adiante aparece Xesucristo crucificado, con barba e coroa de espiñas, e mirando á fronte. Sobre a súa cabeza ten unha cartela. A figura está tallada de forma sinxela e algo desproporcionada. No reverso da cruz está a Virxe, sobre unha pequena repisa, con manto sobre a cabeza e coas mans xuntas, coma se rezara. 

Outros elementos: Na parte de adiante, no varal, hai un farol onde acender candeas. 

Estado de conservación: Bo, sen problemas de conservación. 

Outras informacións: A xente aínda deixa candeas e velas acesas no cruceiro, e pon flores no pedestal. Tamén aparecen ás veces exvotos de cera ou ofrendas semellantes. 

Información recollida por: 
Antón B. L. (2º ESO B).  

15 febreiro 2024

Cruceiro da Enseñanza

Nome: Cruceiro da Enseñanza. 

Cruceiro de Cimadevila. 

Parroquia: Darbo

Lugar: A Enseñanza. 

Rúa ou camiño: Rúa da Enseñanza 13, no cruce co camiño de Cima de Vila e a Rúa de Pancho Eiroa. 

Nunha encrucillada e perto do límite das parroquias de Cangas e Darbo. 

Basamento: De pranta cadrada e cunha única grada. 

Pedestal: En forma de prisma cadrangular, case cúbico. 

Varal: Non ten basa. É bastante curto (arredor de 1'5 metros). Ten sercción octogonal, e é liso, sen decoración. 

Capitel: De orde dórica, cunha moldura redonda e outra superior cadrada. stá separado do varal por un colar cilíndrico delimitado por molduras. 

Cruz: Ten brazos de sección cadrada e lisa. Non ten ningunha figura no anverso nin no reverso. 

Estado de conservación: Neste momento está restaurado. Foi derrubado por un coche nun acidente, e restaurado polo canteiro Manuel Coia. Pouco tempo despois outro accidente rompeu o varal, que estivo suxeito con varillas de aceiro varios anos ata que por fin se reparou. 

Información recollida por: 
Antón B. L. (2º ESO B)


14 febreiro 2024

Cruceiro do Igrexario de Coiro

Nome: Cruceiro do Igrexario. 

Parroquia: San Salvador de Coiro. 

Lugar: Igrexario

Rúa ou camiño: Camiño do Castro Miranda (EP-1001). 

Está na encrucillada entre o Camiño de Miranda, e as rúas do Cruceiro, da Laxe, da Garita e Faroleira, ao pé do camiño (Rúa do Cruceiro) que sube ata a Igrexa parroquial de Coiro. 

Basamento: Está emprazado pegado á fachada dunha casa, sobre un bancal que sobresae da parte inferior, á altura do zócolo, a un metro de altura sobre o nivel da rúa. O Basamento propiamente ten pranta cadrada e un único banzo. 

Pedestal: Ten forma de prisma cadrangular, cos candos superiores biselados. 

Varal: Non ten basa. A sección é redonda, e é liso e bastante esvelto, sobre dous metros de altura. 

Capitel: De orde xónica, con volutas nas esquinas. Na parte superior, está rematado por un prisma cadrado bastante alto. 


Cruz: Ten os brazos de sección octogonal, e cadrados nos remates. Nos extremos dos brazos hai unha forma xeométrica ou unha flor en relevo, bastante erosionada. 

No anverso da cruz hai un Cristo cricificado, bastante desproporcionado, coas pernas moi curtas e os brazos longos, co pano de pureza e a coroa de espiñas. Leva sobre a cabeza unha cartela moi inclinada onde estaría o INRI. 

No reverso da cruz hai unha Virxe co neno no colo. Ten os pés sobre a cabeza dun anxo, indicando a ascensión da Virxe. Non se pode ver ben porque esta figura está case pegada ao muro da casa. 

Estado de conservación: Bo, sen problemas de conservación. 

Outros elementos: Sobre o pedestal hai unha caixa metálica a xeito de candeeiro, para que a xente deixe accesas as velas. Debeu haber un farol metálico no varal, porque queda unha argola oxidada. 

Outras informacións: Non se coñece a data, pero probablemente sexa de finais do século XIX. 

Está situado nun lugar de paso cara á igrexa e o cemiterio de Coiro. Os fieis poñen candeas no basamento, e esta era un lugar onde pousar o sartego cando levaban os defuntos a enterrar. 

Información recollida por:  
Martina D. G. (2º ESO B)

13 febreiro 2024

Cruceiro da Magdalena

Nome: Cruceiro e peto de ánimas da Magdalena. 

Parroquia: Darbo

Lugar: A Magdalena. 

Rúa ou camiño: Estrada da Magdalena s/n. 

Está situado na beira da estrada PO-551, que conduce de Cangas a Bueu, xunto ao fito do km. 16. Está próximo ao límite dos concellos de Cangas e Bueu. 

O cruceiro forma parte dun conxunto monumental, sobre un muro con un retablo dedicado ás ánimas. Este retablo está dentro dun arco abucinado, dentro dunha fornela pechada cunha cancela de ferro. Alí, baixo un arquiño de medio punto, hai un relevo que representa a un grupo de anxos, encabezados por San Miguel, que acuden ao rescate das ánimas que arden no Purgatorio. Todo o conxunto está policromado. 

Basamento: Ten pranta cadrada e unha grada. 

Pedestal: Ten forma de prisma cuadrangular. Na parte frontal ten unha inscripción pintada en verso que di: 
TU QUE PASAS MÍRAME
TODO CUBIERTO DE LLAGAS
MAL HIJO QUE MAL ME PAGAS
LA SANGRE QUE DERRAMÉ. 
AS ESPERA Y TE DIRÉ
PUES QUE TANTO PADECÍ
SI LO MÁS HICE POR TI
QUE FUE MORIR POR SALVARTE
SI TU TE MUEVES A MI
¿CÓMO NO HE DE PERDONARTE?


Varal:  Non ten basa. Ten sección redonda e é liso e sen figuras. É bastante delgado e esvelto, de máis de dous metros de altura. 

Capitel: De orde composta. Ten na parte de abaixo unha banda estreita de follas en relevo. Sobre elas, no centro de cada lado, hai catro cabezas de anxos con alas, e espirais ou volutas nas esquinas.


Cruz: Ten os brazos de sección redonda, con nós ou broullas imitando troncos. No anverso da cruz hai un Cristo crucificado, de boas proporcións, coa cabeza inclinada a esquerda e co pano de pureza anoado na cintura, Sobre a cabeza hai unha cartela en forma de rolo coa inscripción JNRY.   

Estado de conservación: Está ben coidado, e foi restaurado recentemente, en 2021, 

Outras características destacables: O cruceiro está policromado, especialmente o capitel e o crucifixo. 

Seica o cruceiro foi feito no ano 1878 por encargo de D. Domingo Antonio Freijomil ao escultor Ignacio Cerviño Quinteiro, quen para moitos é tamén o autor do cruceiro do Hío. 

Ten moita devoción dos veciños, que levan decote candeas, esmolas e flores. Despois da restauración de 2021 colocáronse dous pequenos nichos a cada lado do retablo de ánimas para que a xente deixe as candeas alí e que o retablo non se estropee polo fume e a cera queimada. 

Información recollida por: 
Martina D. G. (2º ESO B)
Antón B. L. (2º ESO B)



12 febreiro 2024

Cruceiro do adro de Santa María de Darbo

Cruceiro do adro de Santa María de Darbo

Parroquia: Santa María de Darbo. 

Lugar: O Seixo.  

Rúa ou camiño: Praza de Francisco Lariño.

Está no adro da Igrexa parroquial de Santa María de Darbo, no centro dunha escalinata. 

Basamento: Ten pranta cadrada e catro gradas ou chanzos. 

Pedestal: Ten forma de prisma rectangular, cos cantos superiores biselados. 

Varal: Ten sección cadrada na base, e logo octogonal. é delgado e esvelto, duns 3 metros de altura. Non ten decoración nin figuras. 

Capitel: De orde corintia. Na base ten un colar en forma de cordón e sobre el follas vexetais,en relevo.  Na parte de arriba hai caras de anxos nas catro caras, con volutas nas esquinas. 


Cruz: Os brazos teñen sección octogonal, cos remates cadrados. No anverso está Xesucristo crucificado, con coroa de espiñas e o rostro inclinado á esquerda. Sobre a súa cabeza está a cartela do INRI. No reverso da cruz aparece a Virxe Naría, que sostén o seu neno no colo. A cara está rodeada dunha especie de gola de encaixe e sobre a cabeza leva unha coroa ou un tocado de plumas. 


Conservación: Boa, non ten problemas de conservación. Os detalles das figuras non se aprecian ben polos liques. 

Datos sobre o cruceiro: Non ten data nin inscripcións, pero quizais sexa da mesma época da igrexa de Darbo, que se construiu na primeira metade do século XVIII. 

Datos recollidos por: 

Uxía P. O. (2º ESO C)
Noelia R. P. (2º ESO C)
Antón B. L. (2º ESO B)


07 febreiro 2024

Cruceiro das Andes

 

Nome: Cruceiro das Andes. 

Cruceiro de Altamira, Cruceiro da Rúa San Xosé. 

Parroquia: Santiago de Cangas. 

Lugar: As Andes / Altamira

Rúa ou camiño: Rúa San Xosé, esquina coa avenida de Lugo 24. 

Está nunha encrucillada, e no límite das parroquias de Coiro, Cangas e Darbo. 

Basamento: De planta cadrada e un so chanzo. 

Pedestal: En forma de prisma cadrado na base e trapezoidal na parte superior. Hai unhas letras ou números en relevo pero a inscripción está cortada e resulta ilexible. 

Varal: Non ten basa. Ten sección octogonal, e carada nosextremos.Mide uns tres metros de altura. 

Capitel: Dórico, moi simple, formado por dúas molduras cadradas superpostas, sen decoración ningunha. 

Cruz: Ten sección redonda. No pau longo hai gromos ou nós ou broullas. No anverso aparece Xesucristo crucificado, con coroa de espiñas, e a cabeza mirando cara abaixo. A talla é moi realista. Sobre a figura hai un cartel coa inscripción INRI. No reverso da cruz non hai figuras. Tanto a cruz coma o Cristo están policromados.  

Outros elementos: Hai unha especie de floreiro de azulexo adosado ao varal, onde a xente adoita poñer flores. Na base hai un candado que serve para suxeitar un farol onde poñer candeas. 

Conservación: Bo. Non ten problemas de conservación. 

Datos sobre o cruceiro: Dise que data de comezos do século XX. Antigamente non estaba neste emprazamento, senón uns metros máis ao leste. O pedestal está erosionado e parece máis antigo que o resto do cruceiro. 

Información recollida por: 

Carla G. P. (2º ESO A)
Maitane G. P. (2º ESO B)
Laura R. B. (2º ESO C)
Ilana L. M. (2º ESO C)

06 febreiro 2024

Cruceiro do cemiterio de Cangas.

Nome: Cruceiro do cemiterio de Cangas. 

Parroquia: Santiago de Cangas. 

Lugar: Altamira. 

Rúa ou camiño: Rúa San Xosé 96. 

Está no camposanto municipal de Cangas, diante da entrada principal. 

Basamento: Ten planta cadrada, e un único chanzo. 

Pedestal: Ten forma de trapecio. Ten esculpidos na súa prte superior seis caveiras e tres tibias como símbolo do Calvario ou Gólgota, o monte onde Xesús foi crucificado. 


Varal:
Non ten basa. Ten a sección redonda. A media altura ten unha figura de San Bartolomeu. San Bartolomeu foi esfolado vivo en Armenia no século I. Na escultura ten na súa man dereita o pouco que a erosión deixou dun gran coitelo aludindo ao seu martirio. No brazo esquerdo ten recollida a súa propia pel coma se fose un gran pano. Aos seus pés hai un pequeno diaño suxeito cunha cadea. 


Capitel: É de orde xónica, con volutas nos seus catro cantos. En cada lado do capitel hai catro cabezas de querubíns coas súas ás. 


A cruz ten os brazos de sección rectangular, sen decoración. No anverso está Xesucristo coa cabeza xirada á esquerda. Ten o cabelo longo e a barba curta. Non ten coroa de espiñas. Ten un perizonium ou pano de pureza para, por pudor, ocultar a súa nudez na crucifixión. Sobre a cabeza ten o cartel de INRI, peroo as letras non se len pola erosión. 


No reverso da cruz está a Virxe María en actitude de rezar, coas mans xuntas á altura do peito e un veo sobre a cabeza. 

Outros elementos: Diante do cruceiro hai un pousadoiro, onde deixar a caixa dos mortos para rezarlles o responso antes do enterro. Tamén hai un peto de esmolas e un farol onde acender candeas. 

Estado de conservación: O Cristo e mais a Virxe teñen bastantes liques e carriza. A figura de San Bartolomeu está bastante erosionada. 

Outras informacións: O dedicante e o autor son descoñecidos. Segundo Inés Costas Villar foi feito a finais do século XVI e sería o cruceiro máis antigo de Cangas. Porén o camposanto municipal de Cangas foi inaugurado en 1834, polo que de ser así, o cruceiro tería sido trasladado doutro lugar. 

A tradición oral vencellou o cruceiro a San Roque. Pero San Roque xeralmente vai vestido de pelegrín, e neste cruceiro o santiño non leva nin o bordón (bastón do pelegrín) nin o chapeu. San Roque estária acompañado por un can amigable, pero polo deterioro da figura non pode saberse se a figura que ten a rentes dos pés se trata dun can ou dun diabo. 

Hai unha inscripción moi erosionada nunha esquina do pedestal, que pon "LA VILL(A)...". O resto está borrado. Seguramente data de cando o cruceiro foi instalado no cemiterio municipal, que foi inaugurado en 1834, e faría alusión á doazon do cruceiro pola vila de Cangas. 

Información recolida por: 

Cándido S. S. (2º ESO A)