30 xaneiro 2024

Unha biografía de Castelao.

Castelao é quizais a figura máis importante da cultura galega do século XX. Foi escritor, pintor, debuxante, humorista, etnógrafo, pensador e político... Foi unha persoa admirada, querida e respectada, mesmo por moitos dos que non pensaban coma el. Na súa obra preocúpase sempre de Galicia e sobre todo das xentes máis humildes e traballadoras. 

Onte, 29 de xaneiro, estaría de aniversario. Para comemoralo, aquí ofrecemos un pequeno resumo da súa vida: 

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo, o 29 de xaneiro de 1886, no seo dunha familia mariñeira. O seu pai emigrou a Arxentina cando era moi pequeno, e el e máis a súa nai foron canda el cando Daniel tiña 11 anos. Alí aficionouse ao debuxo e á caricatura, e en 1900 regresou a Galicia para estudar o bacharelato de artes, e despois a carreira de medicina na Universidade de Santiago. 

Durante a súa estadía en Compostela comeza a colaborar cos seus debuxos nalgunhas publicacións da época e participa nalgunhas exposicións. Iso anímao a dedicarse ás artes, e abandona o seu doutoramento de medicina en Madrid. Aínda así, regresou a Rianxo en 1910 onde exerceu de médico rural e comezou a participar na política da súa vila, e a publicar os seus primeiros textos e caricaturas no xornal "El barbero municipal". 

Retrato de vodas de Daniel e Virxinia

En 1912 casou con Virxinia Pereira, coa que tivo un fillo. En 1914 sufriu unha grave enfermidade que o deixou cego, pero puido recuerar a vista grazas a unha operación. Decidiu entón deixar a medicina e opositar para funcionario do Instituto Xeográfico Estadístico, e mís tarde coma profesor de debuxo no Instituto de Pontevedra, cidade onde se instalou coa súa familia en 1916. 

En Pontevedra participou activamente na vida cultural. Foi un dos promotores da Coral Polifónica, do Museu de Pontevedra, e das Irmandades da Fala nesa cidade. En 1920 fundou a revista "Nós", na que publican os autores galegos máis importantes do momento, e en 1923 participa na creación do Seminario de Estudos Galegos. Tamén organizou exposicións de pintura e debuxo, e colaborou con numerosas revistas e xornais, onde publicaba pequenos relatos, debuxos e caricaturas, que logo eran publicados en forma de libro. ("Cousas", "Retrincos"... ) As súas viñetas humorísticas e os seus relatos convertérono nun personaxe moi popular. 

Unha das moitas caricaturas que Castelao fixo de si mesmo. 

En 1928 morreu o seu único fillo, o que o mergullou nunha fonda depresión. Fuxindo da tristura, en 1929 viaxou a Bretaña xunto coa súa dona para estudar as cruces de pedra deste país. 

Tras a caída da dictadura de Primo de Rivera e a proclamación da República, Castelao preséntase ás eleccións e sae elexido deputado por Pontevedra en 1931. Participa na fundación do Partido Galeguista e tamén no proxecto do primeiro  Estatuto de autonomía de Galicia, que será aprobado en referendo en xullo de 1936. 

Afiches a favor do Estatuto de Galicia deseñados por Castelao para o referendo de 1936. 

En 1936, un golpe de Estado militar da orixe á Guerra Civil española, enfrontando aos partidarios da República e aos sublevados fascistas comandados por Franco. Castelao apoia ao bando republicano, deseñando os seus álbumes de guerra para denunciar a violencia fascista na nosa Terra. e tamén viaxando por diferentes países para buscar axuda para a República (A Unión Soviética, Estados Unidos, Cuba). 

"A derradeira lección do mestre" Pintura de Castelao a partir dunha das láminas do álbum "Galicia mártir" denunciando os crimes do franquismo.  

Tras a derrota na guerra, en 1940 exíliase en Arxentina. Alí foi nomeado presidente do Consello de Galicia e ministro da República española no exilio, e continuou coa súa obra literaria e artística ata a súa morte o 7 de xaneiro de 1950. 

29 xaneiro 2024

Visita ao Museu de Pontevedra.

O pasado martes 23 de xaneiro, no cadro do noso proxecto sobre Castelao e as cruces de pedra, visitamos o Museu de Pontevedra, onde se expón a maior parte da obra do artista rianxeiro. 

As guías do Museo amosáronos as sás adicadas a Castelao, onde puidemos admirar os grandes cadros de cegos que fixo para o balneario de Mondariz, e outras pinturas de paisaxes. 

Tamén vimos os debuxos orixinais do album "Nós" e dos seus álbumes de guerra, e os cartaces que deseñou para o referendo do Estatuto de autonomía de Galicia. Había ademais das súas obras algúns obxectos persoais, como a súa caixa de pinturas, os seus trebellos para facer gravados, e mesmo as súas famosas lentes redondas. 

Nunha vitrina tamén puidemos ver algúns dos debuxos que fixo durante a súa estadía  na Bretaña en 1928, e que formaban parte do seu "caderno de viaxe". Tamén estaban algúns dos debuxos cos que ilustrou o seu estudo sobre as cruces de pedra na Galiza, xunto con outros deseños e gravados. Esperamos axiña poder seguir os seus pasos. 

Moitas grazas ao Museu de Pontevedra pola súa acollida e por explicarnos tantas cousas. 



23 xaneiro 2024

Catálogo dos cruceiros de Cangas

Os cruceiros son unha das manifestacións artísticas máis xenuínas e particulares da arte popular de Galicia.  Son monumentos que están fortemente vencellados á nosa Terra, pois hainos por todas partes, dende as prazas das vilas ata as máis remotas corredoiras. 

Os cruceiros teñen o valor de ser testemuño das crenzas dos nosos devanceiros. Pero tamén podemos aprecialos como obras de arte nas que os nosos canteiros, a gran maioría deles anónimos, puxeron o mellor do seu oficio. Tamén forman parte da nosa paisaxe, rural ou urbana: arredor deles o noso pobo argallou historias, expresou sentimentos, vivíu e morreu. Forman parte de nós, e por iso hai que respectalos e preservalos. 

En Galicia hai arredor de 12.000 cruceiros, o que é un número enorme. Non somos o único país no que os hai. Na bretaña francesa hai tamén perto de 10.000, moitos moi parecidos ás cruces de Galicia. Por iso Castelao foi a Bretaña a visitalos, para darse conta do moito que hai en común entre estes dous países e con outros da Europa atlántica.  Os países que chamamos "celtas", como Irlanda, onde as cruces de pedra son tamén moi numerosas e antigas. 

En Cangas hai máis de 50 cruceiros. Algún, coma o cruceiro do adro de San André do Hío, está considerado como o máis fermoso de Galicia. Para estudalos e coñecelos mellor, os alumnos de 2º de ESO do IES de Rodeira creamos un catálogo dos cruceiros da Vila de Cangas, utilizando unha ficha de inventario que nos axudase a describilos. 

Nas próximas semanas iremos publicando nesta bitácora os resultados das nosas pescudas e descubertas, para que todo o mundo poida admirar os cruceiros de Cangas e aprender un pouco máis deles con nós. 



22 xaneiro 2024

As partes dun cruceiro

 Os cruceiros poden ter moitas formas e tamaños. Cada cruceiro é diferente, pero hai moitos elementos deles que se repiten. Para describir un cruceiro, temos que coñecer as súas partes.

O basamento é unha plataforma de varias gradas ou chanzos, ao pé da cruz, que eleva o cruceiro sobre o chan. Poden ter a base de moitas formas, cadrada, octogonal, ou redonda. 

O pedestal é unha peza xeralmente en forma de prisma que serve de base ao cruceiro.  Poden ter inscripcións coa adicatoria da cruz, a data, ou estar decorado con relevos (caveiras, instrumentos da paixón...)

O varal, tamén chamado esteo, é o fuste dunha columna máis ou menos esvelta, xeralmente esculpida dunha soa peza. Pode ser de sección redonda, cadrada ou octogonal, ou tamén con vultos coma gromos (cruces espiñentas). Poden tamén estar decoradas con relevos.

Os santiños son esculturas de santos aos que a xente do lugar tiñan devoción ou ao que o dedicante do cruceiro lle quería agradecer un favor. No varal tamén pode haber relevos cos instrumentos da paixón ou que aluden ao pecado orixinal, como Adán, Eva e a serpe.

O capitel é o remate da columna. Poden ser molduras simples ou imitar os capiteis clásicos, dóricos, xónicos (con espirais ou volutas), corintios (con follas). Tamén poden estar decorados con figuras (historiados), cabezas de anxos, caveiras ou outros elementos. Ás veces son redondos, en forma de esfera, representando o orbe ou o ceo.

A cruz pode ter formas variadas, estar máis ou menos decoradas e os brazos poden ter diferentes remates. Pode ser simple ou ter figuras (crucifixo). A figura de Xesús crucificado está na parte de diante (mirando para o camiño), mentres que na parte posterior soe aparecer unha imaxe da Virxe (a Piedade, ou as Angustias) ou dun santo. Algunhas cruces moi elaboradas representan escenas con varios personaxes, como o Desencravo (Xesús sendo retirado da cruz) ou a Deese (A Virxe e san Xoán ao pé da cruz). 

O pousadoiro é unha mesa que ás veces teñen os cruceiros diante, e serve para pousar o sartego dos mortos camiño do cemiterio para rezarlles un responso, ou para pousar a imaxe do santo cando se lle saca en procesión. Por iso soe haber pousadoiro nos cruceiros que están nos adros da igrexas, nos cemiterios ou nos camiños que conducen a eles. 





14 xaneiro 2024

Unha noite no cruceiro do Hío.

 Relevos da base do cruceiro de Hio debuxados por Castelao en "As cruces de pedra na Galiza" (1950)

Xián era un home de trinta anos que vivía na parroquia do Hío, no municipio de Cangas, concretamente na Subida a Couso. Cando naceu o sacerdote da parroquia, por erro, bautizouno usando óleo de defuntos en vez de auga bendita.

Xián nunca creu nos espíritos; non obstante no seu grupo de amigos a maioría crían nas ánimas, meigas e pantasmas.

Nos últimos anos Xián percatouse de que moitas das súas amizades deixaran de manter o contacto con el, sen saber ben o motivo.

O día 16 de agosto de 2023, no cruceiro do Hío, sobre as cinco da tarde, Xián atopou a un home moi pálido e extremadamente delgado que se lle quedou mirando como se o coñecera. Nesa mesma tarde Xián atopouse a Tomás, un dos seus mellores amigos, e foron tomar algo xuntos.

- Este serán fun camiñando dende a miña casa ata a igrexa do Hío para facer algo de exercicio e cando cheguei sentei a carón do cruceiro e percateime de que un home me estaba mirando fixamente como se me coñecera.

- Bueno, Xián, ti tranquilo porque se estabas a carón do cruceiro estabas ben protexido. Ti ben sabes que os cruceiros son lugares de culto relixioso onde a xente vai pedir miragres e promesas. Son protectores de feitizos e outros males místicos e antigamente neles se enterraban aos nenos que falecían antes de ser bautizados. Tamén te protexen da Santa Compaña.
- Ha ha, menuda parvada.

Esa mesma tarde os dous amigos quedaron para ir mirar a actuación da danza coñecida como a “Danza de San Roque” ou dos “Peregríns”. Cando rematou foron cear a un restaurante e despois decidiron disfrutar da paisaxe nocturna no cruceiro do Hío. Nese momento comezaron a escoitar os ouveos dos cans que deambulaban pola zona.

-
Fíxate Tomás! Mira ese grupo de homes encapuchados. Deben ser bailaríns do grupo de danza, non cres?

- Qué dis, Xián? Estás tolo? Eu soamente vexo a un home cunha cruz e un caldeiro de auga.
- Vou botar unha ollada – engadiu Xián.
- Ten coidado, Xián! É mellor que nos quedemos no cruceiro- Advertiulle Tomás.

Pero xa era demasiado tarde. O home que portaba a cruz entregoulla xunto co caldeiro de auga bendita. Tratábase da Santa Compaña. Xián acababa de ser víctima da súa maldición.

Dende ese día Tomás deixou de ver ao seu amigo Xián. 

(Un relato -inconcluso- de Marcos R.L.- 2ºESO C)


13 xaneiro 2024

A nena do cruceiro.

 "Mesa de pedra". Ilustración de Castelao (1920)

Estaba moi emocionada porque hoxe ía quedarme a durmir a casa da miña amiga. Aquela casa era enorme, tiña tres plantas. Abaixo atopábase a cociña, o comedor e o salón, que eran moi grandes. Na segunda planta atopábanse os cuartos e os baños, que tamén eran moi grandes. E na terceira planta había un estudio, unha sala de xogos, con xogos de mesa, billar, futbolín, dardos, unha mesa de pin-pón... todo tipo de cousas. Ademais a casa tiña tres balcóns xigantes, un en cada planta. E taéntiña xardín e piscina, super amplos. A casa era moi bonita, teño moita ilusión de quedarme a durmir, aínda que aínda non coñezo aos pais da miña amiga, por iso os meus pais non estaban moi seguros de deixarme ir, porque coñecían á miña amiga, por suposto, pero eles tampouco coñecían aos seus pais. Pero non importaba, xa os coñecería alí.

Meus pais leváronme á casa. Timbramos e abríronnos a porta, a miña amiga e os pais.

- Ola! Qué tal?

- Moi ben! Somos os pais de María.
- Encantados!
- Igualmente! Por certo, a qué hora vimos a buscala?
- Como vos pareza mellor.
- Ás doce parécevos ben?
- Perfecto!
- Pois mañán ás doce. Bueno, ata mañán! Pásao moi ben!
- Grazas, ata mañán!

Observei a casa e a miña amiga Celeste e mais eu subimos ao seu cuarto. Estivemos un tempo falando e xogando na sala de xogos, e osnpais chamáronos para cear. Había pizza, estaba boísima. Falamos un anaco cos pais, son moi amabeis. Despois subimos outra vez á habitación de Celeste e vimos un pouco a televisión.

Pasado un tempo, entra a nai de Celeste.

- Qué tal o estades pasando, chicas?

- Moi ben!- Dixémoslle.

De repente a nai de Celeste di:

- Celeste, contácheslle a María a tradición que temos?- Dixo mirando a Celeste.

- Ah! É verdade! Cada vez que alguén se queda a durmir, xogamos ao escondite por toda a casa. É moi divertido.

A nai mira a Celeste sorrindo. Eu estaba un pouco estrañada, pero á vez tiña ganas de xogar.

- Gustame! Vamos a xogar agora?

- Si! Empezo eu escondéndome.
- Vale! Ata cánto conto? e onde?
- Conta ata 50, aquí mesmo.
- Vale. Alá vou!

Celeste saiu do cuarto e eu quedeime contando, e cando rematei comecei a buscala.

- Vou!

Primeiro busquei na planta na que estabamos en non estaba. Despois busquei na planta de arriba toda, pero tampouco estaba. Baixei á planta de abaixo, primeiro busquei no salón.

Estaban os pais de Celeste vendo unha película e saudáronme. Estiven buscándoa e a encontrei. Estaba debaixo dunha mesa grande ao lado de onde estaban seus pais.

- Atopeite!

- Si! Hahaha, agora tócache a ti esconderte. Por certo, esquecín dicirche que non se pode dar o “por min”, tes que quedar onde te escondiches, pero se digo “ríndome”, podes saír.
- Vale!
- Conto aquí xa, vale?
- Vale!

Fun esconderme ao xardín. Ía esconderme nuns arbustos que estaban ao lado do cruceiro. Xa estaba alí escondida cando de súpeto aparece unha nena cun vestido branco saíndo do cruceiro.

Estaba super asustada, ía gritar, pero ela tapoume a boca.

- Tranquila, non vou facerte nada, só quería avisarte de algo.

- Quén es? Qué pasou?
- Sabes por qué che dixeron de xogar ao escondite?
- Non, por qué?
- Cando te escondes ti, se non te atopa, ben, pero se te atopa, non hai volta atrás, os seus pais matarante. Se non me cres, aquí están as probas. Acompáñame.

Estaba moi asustada.

Levoume como a unha especie de cobertizo que estaba pechado. Non sei cómo, pero ela sabía onde estaban as chaves. Colleunas e abriu a porta.

Quedei paralizada. Había como catro corpos mortos de nenas máis ou menos da mesma idade ca min.

- Qué é isto?

- Son as nenas que mataron, é mellor que corras e te escondas moi ben se non queres que che pase o mesmo que a elas e a min.
- Espera, cómo que a ti?

De repente a nena desapareceu, eu quedeime xeada e escondinme.

Escondinme moi ben, debaixo dunha hamaca, pero era imposible verme, xa que abaixo tiñan unha especie de táboa que se movía, así que metinme dentro.

Pasou un tempo ata que escoito:

- Ríndome! Xa podes saír!

Quedeime super tranquila. Saín do meu escondite e fun xunto Cesleste.

- Vou! Hahaha!.

- Eres moi boa, hahaha. Onde estabas?
- Debaixo da hamaca.
- Qué boa!
- Si, hahaha.
- Vamos para adentro?
- Vale!

Entramos na casa e estaban os pais na sala vendo a televisión.

- Qué tal? - di o pai.

- Moi ben!- , dixemos as dúas.
- Xa é moi tarde, xa vai sendo hora de ir para cama- dixeron os pais.
- Vale!

Subimos para o cuarto. Deitámonos e estivemos falando un pouco. Despois entraron os pais dela.

- A durmir chicas, que xa é tarde. Boas noites!

- Vale! Boas noites!

Quedamos durmidas ao momento.

Ao día seguinte despertounos a nai para almorzar. Baixamos e nos sentamos na mesa.

- Bos días! Qué tal durmistes?

- Moi ben! - Dixemos as dúas.
- Alegrámonos! María tes que ir a vestirte xa, os teus pais xa estarán por chegar.

Celeste e mais eu subimos ao cuarto. Prepareime e estivemos un anaco falando. Ao pouco tempo soa o timbre; eran os meus pais.

- Ola! Qué tal o pasastes?

- Moi ben!

Abraceinos.

- Alegrámonos! Vamos para casa!

-Chao!

Fomos para casa. Estaba confundida. Non sabía de onde saíra esa nena.

(Un relato de Fabiola C.A.- 2º ESO A)

12 xaneiro 2024

O diario dunha pantasma.

 "Leñador". debuxo a lapis de Castelao (c.1917-1919)

Era un día normal para un leñador. Os paxaros cantan doces melodías, as árbores danzan co vento e os cervos van comer herba. Hoxe é un día normal, ou iso pensou Alfredo.

Todo ía normal na vida de Alfredo: levantarse da cama, almorzar, vestirse, perparar as cousas para leñar, ir leñar, comer, leñar de novo, dar un paseo, ir para casa, ducharse, cear e durmir. Así todos os días, ata que un día a súa rutina rompeuse.

Narra Alfredo:

Estaba comendo un bocadillo de xamón cando escoitei un ruido fóra da casa, un ruido como se caese algo. Eu pensei que era un paxaro, entón non lle din moita importancia.

Xa terminei de leñar un par de árbores, e dirixinme ao meu paseo matutino. Camiñaba vendo as árbores danzar co vento, ata que esa tranquilidade fóiseme. Percateime de que había un diario debaixo do meu pé. Recollino e fun a casa correndo.

Cheguei á miña casa, deixei as cousas de leñar ao lado da porta para logo sentarme no banco que estaba no medio do salón. Abrín a primeira páxina e... non había nada. Non lle din máis voltas e fun durmir.

Mentres durmía tiña pesadelos coa Santa Compaña, cos cruceiros da miña vila. Tamén aparece un home cun abrigo longo de coiro que tiña unha cruz na man, e logo...

Despertei, non sabía qué significaban aqueles soños. Entón para distraerme dinme unha ducha, pero aquela distracción non durou moito, xa que o diario estaba aberto, e tiña cousas escritas.

E así todos os días, cada un deles as páxinas enchíanse de historias en relación coa Santa Compaña. E eu investigaba e investigaba, e agora xa non vou leñar coma antes, xa que teño a preocupación de que a Santa Compaña se me apareza. Pero iso non é preocupante, senon é...

¿Quén escribía no diario?

Pregunteime a min mesmo, que estaba sentado nos escalóns dun cruceiro.

(Un conto de Nerea P. G. - 2º ESO A)

11 xaneiro 2024

Unha noite inexplicable.

 Ilustración para a novela curta "Un ollo de vidro", de Castelao (1922)

Era unha noite do 31 de outubro e tres rapaces estaban preparados para ir pedir caramelos ás casas. Deses tres rapaces, un chamábase Xulio, e era o máis maior e ía disfrazado de policía zombi. Despois estaba o seu irmán menor, Mauro, que ía disfrazado de vampiro, e por último estaba a amiga de Xulio, Alba, e ía disfrazada da Morte.

Os tres saíron da casa e foron pedir caramelos. Despois dun tempo, os caldeiros estaban cheos de chuches. Foron ao parque a comelos e cando ían de camiño Xulio e Alba compezaron a distraerse falando sobre o escuro que estaba o ceo e a bonita lúa chea que había. Cando deixaron de falar decatáronse de que Mauro non estaba con eles e os dous quedaron inmóbiles.

Deseguido empezaron a preguntarse onde estaba e comezaron a busca do irmán de xulio. Iso íalles resultar un pouco difícil xa que non había tanta luz como no día e só había unhas poucas farolas polas rúas.

Cando levaban uns minutos buscando, Xulio esvarou e deuse un forte golpe na cabeza. Cando Alba o mirou foi rapidamente preguntarlle como estaba, pero non lle deu tempo a dicir unha soa palabra, xa que ela caeu tamén.

Os dous sentían un pouco de mareo pero levantáronse con facilidade e de repente miraron unhas persoas todas de negro que levaban a un neno. Era Mauro, e empezaron a pensar quen eran eses e por qué estaba con eles. Alba fixouse ben e mirou que tiñan unha cruz con eles e uns faroliños para iluminar. Os dous decatáronse de que eses eran a Santa Compaña e empezaaron a poñerse asustados porque Mauro estaba con eles. Empezaron a pensar como salvalo desa xente e acordáronse das clases de historia nas que estaban a falar sobre os cruceiros, que eran unha protección contra a Santa Compaña e outras cousas máis. Entón Xulio fixo un plan: collían a Mauro cando eles estivesen distraidos e ían ao cruceiro máis cercano, e así xa se libraba deles.

Alba aceptou, xa que non había tantas opcións, e sen pensalo foron achegándose a eles e puxéronse na esquina dunha casa. Estaban a buscar o momento adecuado para coller a Mauro pero os da Santa Compaña estaban fixos mirando para el. Sen ter outra opción foron correndo cara el e collérono un por cada man e non lles deu tempo a reacionar. Despois diso, Mauro preguntoulles qué facían e eles responderon que estában axudando coa Santa Compaña. Mauro botou a rir e eles pararon de repente e lle preguntaron que porqué se ría tanto. Mauro díxo que non era a Santa Compaña senón que eran os pais e os avós de Xulio e del. Cando Mauro desapareceu, el simplemente mirara a súa familia e foi con eles. Despis disto, Mauro preguntoulles por qué se inventaran iso da Santa Compaña, e eles, sen acordarse moito, pensaron que foi polo golpe na cabeza que levaran os dous, que quedaran atontados.

(Un conto de Martín C.M. - 2ºESO A)

10 xaneiro 2024

O bosque.

"O neno das piñas". Cadro de A. Daniel R. Castelao (1926). 

 - Xoán, desperta... Xoán!
- Qué?
- Veña, levanta. Cada día cústame máis despertarte.
- Nai, hoxe a quen lle tocaba ir talar madeira ao bosque?
- Hoxe tócache a ti.

Sentín un calafrío. De todas as tarefas que tiñamos que facer a miña irmá e mais eu, esta era a peor.

- Deixa a cara de lerdo e vístete para ir á escola.

- Está ben...

As clases foron longas, moi longas, pero o mellor era que eu non prestaba atención, xa que non podía sacar da cabeza a idea de ir ao bosque. Á luz do día era inofensivo pero na noite era horrible, dicían que había lobos e mesmo a Santa Compaña, pero o segundo era moi improbable xa que había moitos cruceiros preto do bosque.

De súpeto dinme conta de que xa estaba no bosque. O día si que pasou axiña. Comecei a talar, a tarefa era sinxela xa que eu era un rapaz forte. Fun adentrándome no bosque e xa era de noite. Intentei orientarme pero non puiden. Custaba o dobre xa que eu estaba a tremer, porque as árbores parecían monstros. Xeóuseme o sangue. Vin á Santa Compaña achegándose a min e oín un ouvido de lobo. A Santa Compaña viña canda mín así que comecei a correr. Encontrei un cruceiro e agarreime a el con tanta forza... viñan cara mín. Por qué carallo non se detiña? Íame pillar pero de repente un berro peor ca o do lobo fíxome sobresaltar.

- Xoán!!

- Qué queres?
- Por qué estás durmindo na miña clase!!!?
- Síntoo, profe.
- Nin sinto nin nada, vai falar co director.
- Está ben...
- Prestade atención. Castelao era...

(Un conto de Gabriel O.L. - 2ºESO B)


09 xaneiro 2024

Crime pasional.

"Moza con cabuxa" Pintura de A.Daniel R. Castelao (1914)

Era unha cidade pequena de Galiza. Unha desas vilas onde calquera cousa que contas a sabían todos unha semana despois. E iso mesmo pasou o 24 de novembro de 1924.

Mario fora un mariñeiro italiano que quedara en Ferrol cando namorou de Carla. Ela non era a máis fermosa da vila, pero era moi boa. Mario e Carla casaran ese ano, o 24 de abril de 1924. Casaron primeiro na igrexa, como marcaba a tradición, e despois xuntaron ao pobo e o celebraron no cruceiro cercano.Viñera toda a xente e a parella semellaba vivir nunha película. Celebraron ata o domingo e nada fora estraño.

Nada excepto porque faltaba unha rapaza, Iria. A que fora noiva de Mario alá polo 1920. Sabíase que a moza estaba tola, e que remataran por iso.

A parella vivira os seus primeiros meses felizmente. Carla quedara embarazada en xuño e todo ía vento en popa. Cando un rumor empezou a espallarse pola vila: alguén planeaba un asasinato. Todos estaban alerta. Rezaban ao cruceiro, ían á igrexa, mercaban cousas e volvían ao cruceiro a deixar ofrendas... ata que un día pasou.

Carla espertou coma sempre... Coma sempre non: faltaba alguén ó seu carón. Vestiuse, chamouno pola casa, pero non contestaba. Viu a hora: as 12 do mediodía. Era domingo. Saíu correndo da casa. As vellas dicían entre marmurios: “Non o oiches aínda?...” Algo ía mal. A pel erizouselle e a ansiedade apareceu.

Correu polo mercado, pero para a súa sorpresa non había ninguén. Carla recorreu a vila asustada como nunca antes, e encontrounos reunidos no cruceiro. Incluso os que non crían tanto estaban alí.

Carla achegouse... cando o viu.

Mario estaba deitado ao pé do cruceiro, cun machete atravesándolle o peito. Morto e desangrado.

As anciás de Ferrol nunca recordaran algo máis sinistro que aquela mañá. A multitude estaba en choque. A xente colocara flores e candeas no cruceiro, e agora a fermosa pedra tiña sangue. Todos estaban conmocionados... Todos non.

Unha moza vestida de branco baixou correndo as escaleiras da igrexa. O vestido tiña desgarros e sangue. Sangue allea. Aquela moza era Iria, que gritando maniacamente declarou:

- “Se Mario non é meu, non será de ninguén!”

Dito isto Carla desmaiouse, sen poder soportar o que estaba a contecer. Así foi a mañá do 24 de novembro de 1924 na que morreu Mario Rossetti d'Agostino. Dende entón o cruceiro leva as súas iniciais, e conta a lenda que nas noites de néboa en novembro, se vas aos cruceiros de Ferrol, podes oír a súa voz chamando a Carla.

(Un relato de Mª. Itziar S. P.- 2ºESO C)

08 xaneiro 2024

Os soños non sempre son soños

 "Lenda mariña" Pintura de Urbano Lugrís (1944)

Cando camiñaba polo sendeiro das Pereiras para poder chegar á casa da miña avoa tiña o corpo aterecido polo medo e polo frío. A noite era escura e tenebrosa, non se miraba nada, tiña que forzar os ollos para poder ver por onde ía. Facía vento, as árbores movíanse, escoitaba ruidos de animais e da natureza. Todo me poñía moi nervioso, e o peor de todo é que me deixara o teléfono na casa do meu amigo, e non podía chamar a ninguén nin saber qué hora era. Igualmente estou seguro de que non habería conexión pero polo menos tería unha lanterna. Levantei a vista do chan e ao lonxe vin unhas cantas luces acendidas. Mirei un pouco máis mentres me achegaba a esas estrañas e iluminantes luces. Non tiña nin idea se era seguro ou non, pero só quería chegar a unha casa, taparme e tomar un chocolate quente.

Comecei a correr e cando me acheguei dabondo para distinguir o lugar, quedeime de pedra. Quería saltar de ledicia. Era a vila da miña avoa! Por fin! Corrín ata chegar á entrada pero... algo non coincidía. Esta vila estaba morta... Non había ninguén na rúa... Din uns pasos para atrás e mirei o cartel. “Vila Deligua”. Non me confundín de vila. Traguei saliva e adentreime... Tiña unha mala sensación... un mal augurio. Comezaba a facer máis frío e as madeiras das casas facían ruídos máis fortes. Ía mirando a todos lados intentando atopar a alguén... A miña avoa...

Estaba moi preto da casa da miña avoa cando... de súpeto noto como algo me toca a espalda. Xírome rapidamente e a primeiras non logro ver nada, pero logo... Fíxome máis e podo ver na entrada da vila a uns seres bastante raros. Quedeime quieto do medo, non podía mover nin un músculo, os ollos comezaban a moverse rápido, distinguín que eran seres humanos, ou iso semellaban. Eran seis sombras. A que ía diante levaba algo nas mans, parecía como unha cruz grande... E os demais... os demais asemellaban espíritos, cinco sombras negras, sen moverse. O único chamativo era que levaban unhas lámpadas colgadas cada un. Pasaron uns segundos que para min foron horas. O ambiente cambiou, agora o vento calmara. Non se escoitaba nada, só a miña respiración axitada. O primeiro deles comezou a camiñar cara min. Aí foi cando reaccionei, as miñas pernas comezaron a correr sen que me dese conta. Estiven correndo un bo intre ata que me atopei coa miña avoa. Caéronme algunhas lágrimas. Achegueime a ela o máis rápido que puiden... Cando cheguei ao seu carón toqueille o ombro, estaba contento, por fin a puiden atopar, un sorriso formouse na miña faciana, pero non me durou tanto... Cando a miña avoa xirou para verme... Paróuseme o corazón, din uns pasos para atrás e comecei a correr entre as casas. Non podía crer o que vira nese momento... A miña avoa... sen cara... Non me podía sacar esa imaxe da cabeza. Nin me parei a ver con detalle. Tiña tanto medo acumulado no corpo que só puiden saír correndo. Non sabía onde ía, só quería saír de alí e darlle unha gran aperta á miña nai.

Cheguei a unha especie de pau enorme con forma de cruz, un cruceiro creo que era. Achegueime e sentei a carón. Estaba moi cansado e asustado, comezara a chover e non tiña forma de volver a casa. Tapei a cabeza coa chaqueta, xuntei a cabeza co cruceiro e comecei a chorar. Ao cabo dun intre quedei durmido... Pensando que xa non me podía suceder nada peor...

Derpertei por un ouveo dun lobo. Aínda era de noite, mirábase peor que antes. Non quería levantarme, quería quedar aquí e que me atopasen ou me comesen os lobos. Levanteime con pouca esperanza e cando me xiro para mirar se pasa alguén, maxicamente polo sendeiro vexo... O que máis querería ver neses momentos!. Outra vez esas estrañas sombras! Non o podía crer. Intentei dar a volta para saír correndo pero tropecei co cruceiro e caín ó chan. Pechei os ollos e quedeime quieto. Xa non intentaría levantarme. Tampouco podería nin tiña forzas, e co medo non podía mover nin un músculo. Caéume unha bágoa polas fazulas e abrín un pouco os ollos. Miraba borroso pero xuraría que xa non estaban alí eses estraños... Paseime a man polos ollos e puiden ver como esas sombras se alonxaban. Tumbeime no chan a carón do cruceiro e quedei durmido mentres volvía a chorar.

Ao intre, noto a presenza de alguén e levanteime de golpe. Quedeime de pedra cando me dou conta que estou no meu cuarto só, sen ningunha outra persoa na habitación. Frotei os ollos e volvín tumbarme na miña cómoda cama. Pensei sobre todo o que soñei e fíxome que na miña cómoda hai unha nota. Sento no borde da cama e disposto a lela a collo...

“Bós días cariño. O teu pai e máis eu fumos a casa da avoa xa que imos ver os cruceiros que hai no sendeiro das Pereiras. Imos estar aquí ata a noite. Se queres vir, que non sexa moi tarde. Unha aperta moi grande e un bico enorme da túa nai favorita. Marta. “

Quedei de pedra ao ler a nota. Non tiña nada raro, pero despois de ter ese soño... Tal vez... Non fora só un soño...

(Un conto de Ilana L.M. - 2ºESO C)

07 xaneiro 2024

Un estraño presentimento.

 "Santa Compaña". Ilustración de Camilo Díaz Baliño (1920)

Hai un tempo contemplei unha pantasma, un ser que nunca pensei ver. Aconteceu o 31 de outubro, unha data marcada no calendario como a noite de Todos os Santos. Serían sobre as dez e media cando chamei as miñas amigas para quedar. Desexábamos ir polas portas a pedir o truco ou trato. Eu xa estaba listo, pero elas aínda querían modelar o seu disfrace, polo que decidín dar unha volta co meu irmán e mercar algunhas lambetadas.

Nada máis saír da casa tiven un sentimento raro e un calafrío percorreume o corpo. O tempo empezou a cambiar levantándose bastante vento e unha espesa néboa, cousa que me fixo intuir que algo podería pasar. Resultábame estraño non mirar as casas decoradas como na Florida, pero facía pouco que me trasladara a Galicia e non coñecía os seus costumes. De camiño ao “Goluts” apareceu a miña curmá Alma, que viaxara dende Biscaia para vernos, totalmente aterrada. Tiña medo porque escoitara como se alguén a perseguira facendo uns sons bastante peculiares. Ruidos de cadeas e risos. Quedei paralizado, non podía articular palabra e nada máis entrar na tenda case morro do susto. A dependenta ía tan ben maquillada que parecía un espectro. O que nun principio parecía ser unha noite tranquila estábase convertendo nun tanto estresante. Tras uns minutos logrei acougarme e mercamos unhas bolsas de “patatillas” e doces. Estabamos perto do Concello cando de súpeto vimos ao lonxe algo que nos sorprendeu.

Parecía un ancián ataviado cunha especie de gabardina negra con carapucha que lle chegaba ata os pés, tan longa que nin se lle miraban. Traía colgadas unhas cadeas bastante molestas e sentíamos que estaba a chorar por mor dalgún problema persoal. Decidín achegarme para preguntarlle se se atopaba mal e Alma e Leo tentaron frearme, pero xa era demasiado tarde. O reloxo estaba a piques de dar as doce e de súpeto o vello deuse a volta e gritoume dunha maneira que ninguén deste mundo pode imaxinar. Tentei afastarme retrocedendo sobre os meus pasos ata chegar a xunto de Leo e Alma, pero entón volveu gritar: “En serio pensabades que isto ía ser fácil? Non poderedes escapar de min. Non agora!”.

Cando lle mirei a cara percateime de que tiña o meu rostro. Era imposible! Eu aínda un cativo e el un ancián. Non tiña sentido que houbese dúas persoas completamente iguais no mundo, non si? O caso é que levaba unha cruz e un cubo de auga bendita, polo que intuín que algo malo estaba a pasar. Necesitabamos saír canto antes de alí e fíxenlles uns acenos á miña curmá e ao meu irmán. Saímos correndo, pero cada vez o espectro achegábase máis a nós arrastrando esas horribles e ruidosas cadeas. Uns días antes comentáramos algo das lendas galegas e recordei que debía busar un cruceiro para salvarnos das almas en pena que nos perseguían. Así que subimos pola rúa San Xosé en dirección ao cemiterio. Lembrei que nas historias da Santa Compaña dicían que non se podía mirar atrás así que os avisei de que por máis que quixesen non o fixesen para salvar a súa vida.

Despois dun longo tempo correndo chegamos ao cemiterio pensando que non poderían chegar ata alí, pero fixéramos mal. Meu irmán gritou o nome da miña curmá e mirei cara atrás para mirar como estaba, tirada no chan coa cabeza chea de sangue. Alguén a golpeara e tiña claro que o meu irmán non fora. Entre os dous a levantamos e saímos correndo por todos os atallos que esta vez semellaban moito máis amplos. Ao chegar a porta miramos que estaba despexada así que saímos cara o cruceiro.

A lenda contaba que se te subías ao pé do cruceiro as almas desaparecerían salvando a túa vida e nese momento soamente pensaba se a miña curmá recuperaría a súa. Estaba a piques de sufrir un desmaio de tanto cansazo. A Santa Compaña estaba demasiado preto de nós e se paraba seguro que me atrapaba, pero meu irmán axudounos a Alma e a min ata que tocamos o cruceiro.

Pechei os ollos e ao abrilos todo cambiou. Ese estraño sentimento xa non estaba, pero por desgraza o meu irmán xa non estaba connosco. Sacrificárase facendo un marabilloso xesto de amor para salvarnos a vida.

Todo foi tan real que nunca volverei a subestimar as lendas. Aínda sigo tendo pesadelos a causa da dor que sentín ao pensar que perdera ao meu irmán, así que é mellor sabercómo debemos de actuar fronte a este tipo de situacións.

(Un conto de Ainhoa P.G. - 2º ESO C)

05 xaneiro 2024

O cruceiro maldito.

 "Contos do pobo". Pintura de Laxeiro (1956)

Todos os anos na aldea de Xuliám celébrase a festa de Samain dunha maneira moi especial.

Xulián é o panadeiro da vila de Castro Baixo e sempre se encarga de organizar a festa xunto aos seus amigos Manuel e Ricardo.

Étan famosa esta celebración que vén xente de moitos lugares. A tradición di que hai que ir desfrazado da forma máis terrorífica posible. Seguen esta tradición porque un ano, unha persoa que non estaba disfrazada tivo un accidente mortal. Aquela noite doo ano 1972 un forte vento soprou na aldea e tirou co cruceiro, caendo enriba de varias persoas. Faleceu soamente unha delas que era a única que non estaba disfrazada.

Dende aquel ano todo o mundo ía disfrazado á festa, e non volveu a ocorrer ningunha desgraza. Este ano Ricardo, o amigo de Xulián, non quixo disfrazarse porque quería demostrarlle a todos que iso só era un mito e que non ía suceder nada. Xulián non cría o mesmo que o seu amigo. Entón o que fixo foi estar toda a festacon el, porque tiña medo de que lle pasara algo.

Cando xa rematara a festa e todo o mundo marchara, os tres amigos quedaron a recoller algunhas cousas da festa. Mentres Ricardo e Xulián recollían a lona, Manuel foi buscar o seu tractor para transportar todo o material ao almacén. Cando volveu, ao intentar achegar o tractor, embestiu contra o cruceiro e unha das pedras máis altascaeu e golpeou na cabeza de Ricardo, causándolle a morte. Xulián berrou con moita forza que nunca máis deixaría pasar a ninguén sen disfraz á festa de Samain.

(Un relato de Víctor C.P. -2º ESO A)

03 xaneiro 2024

O cruceiro dos espíritos dos mariñeiros

Mural de Urbano Lugrís no Museu Massó de Bueu (1948)

Na pequena aldea costeira de Pescadoira un misterio ancestral rodeaba o antigo cruceiro de pedra no centro da praza.

Os lugareños murmuraban sobre a súa historia sinistra. Dicían que era un lugar onde se atopaban os espíritos dos mariñeiros que se perderan no mar.

Unha noite, durante unha furiosa tormenta, a moza Diana aventurouse ata o cruceiro en busca do seu gato desaparecido. Ao achegarse sentiu unha presenza xeada e escoitou marmurios sinistros que parecían vir das figuras talladas na rocha.

E de súpeto o cruceiro cobrou vida. As estatuas dos santos retorcéronse converténdose en figuras monstruosas. Diana, asustada, tentou fuxir, pero as sombras a rodearon, impedindo a súa fuxida.

Nun intento desesperado berrou o nome do seu gato e unha luz tenue apareceu entre as figuras retorcidas. O gato, cos ollos brillantes, saltou dende o cruceiro e guiou a Diana lonxe das poutas das sombras. Tremendo, Diana escapou, sabendo que o cruceiro tiña un poder sinistro. Pero o seu gato salváraa dun destino aterrador e descoñecido.

(Un relato de Sergio P. C. -2ºESO B)

O misterio do cruceiro.

 "Queiman, rouban e asasinan no teu nome". 
Estampa do album "Galicia mártir" de Castelao (1937)

Hai xa cinco anos, cando estaba facendo limpeza no trasteiro da casa da miña tía, atopei unha carta da miña bisavoa contando unha historia. O relato contaba que dende que ela era pequena pasaban cousas raras o día dos Defuntos.

Cada ano aparecía un cadáver ao pé do cruceiro do Hío. Pero non só un corpo sen vida, había algo nas súas mans, unha carta. Todas as persoas que eran asasinadas o primeiro de novembro de cada ano eran pousadas na parte baixa dun cruceiro específico e cada unha cunha carta na súa man.

Nesa carta non había nada escrito, tan só un debuxo. Se o debuxo era dunha virxe, a persoa que ía morrer ao ano seguinte era muller, e se o debuxo era de Xesús, ao contrario, ía morrer un home.

Isto levantou a curiosidade na miña bisavoa, así que se puxo a investigar sobre todo o que se sabía daquilo. Non atopou moito, tan só o que todos sabían, o que vos contei antes. Ela era moi rabuda e cando quería unha cousa non paraba ata conseguila. Entón comezou a preguntarlle a toda a xente da vila se sabían algo.

O que non sabía eu cando comecei a ler esa carta era que non ía ser unha historia de medo normal, senón que ía ser a historia da súa morte. Sempre me dixeron que morrera dun ataque ao corazón, pero agora xa sei a verdade. Entre tanta xente á que lle preguntou, o asasino deuse conta de que estaba a investigar sobre o caso. Entón esperou ata o 1 de novembro de 1987 para acabar con ela. E alí estaba a miña bisavoa, ao pé do cruceiro do Hío, sen vida, cunha carta na man, como unha máis deses centos de persoas asasinadas.

(Un conto de Inés C.R. -2º ESO B)

01 xaneiro 2024

A insensatez e a Santa Compaña.

"A Santa Compaña". Debuxo de Camilo Díaz Baliño (1919) 

Esa mañá respirábase un tenso aire no ambiente. No mercado todos falaban do mesmo. Falaban de María, a muller que tiña os mellores abrigos e que desaparecera. Fixéronse varias especulacións, que se a secuestrara alguén, que se marchara de vacacións sen dicirllo a ninguén... Pero finalmente a que prevaleceu foi a que dicía que a levara a Santa Compaña.

Nun parque preto do mercado encontrábanse Pepe, un rapaz de catorce anos que non cría nas parvadas que lle contaban os vellos, e Xoán, un rapaz da mesma idade que coñecía ben as historias dos vellos, aínda que non lles daba tanta importancia coma eles.

- Iso de que a Santa Compaña levase a María é unha parvada- dixo Pepe.

- Pero... Que maría desapareceu non é unha parvada- dixo Xoán.
- Eu creo que debeu marchar, nesta aldea están todos tolos- dixo Pepe.
- Un pouco de razón si que tes...- dixo Xoán non moi convencido.
- Entón... Mañán pola noite quedamos para dar un paseo? Poderemos facer o que queiramos, ninguén vai saír á rúa- dixo Pepe sorrindo.

O día seguinte, aínda que todos lles dixeron que non o fixeran, incluindo os seus pais, Pepe e Xoán foron pasear ás 10 e media da noite pola rua. Xoán levaba sal e uns amuletos para protexerse da Santa Compaña, se é que existía, pero Pepe comezou a mofarse del por ser un medoñento e un supersticioso, e rematou tirándoos ao lixo. Falaron e pasearon sen rumbo fixo durante horas e remataron comendo uns deliciosos bocadillos de xamón e queixo que levaba Xoán na súa mochila sentados nun banco da rúa principal. E de súpeto o aire comezou a encherse dun olor a cera de candea... Xa era a unha da madrugada e case non se vía nada, pero Xoán sabía qué significaba aquel cheiro.

- Pepe, non che cheira a cera?- preguntou o mozo asustado.

- É que tes medo, pailán?- dixo rindo Pepe.
- É que... - comezou Xoán, que non chegou a rematar a frase.

Os rapaces viron unhas sombras ó lonxe e o cheiro a cera intensificouse. Un esmagante temor agromou no interior de Xoán. En cambio Pepe só abriu moito os ollos e tras ver que era a Santa Compaña, comezou a berrarlle a Xoán e os dous saíron correndo.

Entón a Santa Compaña comezou a perseguilos entre a escuridade. Xoán explicou a berros que se agarrasen a un cruceiro para se salvar. Identificaron o que estaba máis preto e foron cara el, pero estaba a dous quilómetros.

Os rapaces gritaban e corrían todo o que podían pero a Santa Compaña non quedaba atrás. Ademais facía moito frío e como nin os pais dun nin os do outro puideran comprarlle os seus famosos abrigos a María, estábanse a conxelar.

Xa vían o cruceiro diante cando a Santa Compaña acelerou o paso. Aínda así Pepe conseguiu chegar a el. En cambio cando só lle quedaban uns metros a Xoán, a Santa Compaña, coa esgotada María en cabeza, conseguiu darlle a cruz. María, libre por fin, caeu au chan pálida e sen forzas e morreu alí.

Pepe púxose pálido, un medo e un terrible sentimento de culpa formábanselle na gorxa. A Santa Compaña estaba a escasos metros del e o seu mellor amigo da infancia ía morrer de esgotamento pola súa culpa. Quedouse no cruceiro toda a noite polo medo e por se a Santa Compaña seguía por alí, ese foi o seu primeiro pensamento precavido.

Os días seguintes a vila dedicouse a enterrar a María e a non saír das súas casas pola noite. Os pais de Xoán estaban moi enfadados con Pepe, pero a el non era iso o que máis o preocupaba. A Santa Compaña collera ao seu mellor amigo pola súa culpa, iso si que lle facía tremer.

As semanas seguintes Pepe foi rezar polo seu amigo todos os días ao cruceiro que lle salvara a vida, pero na súa cabeza seguía atormentándoo a voz do seu amigo que o culpaba do sucedido. Volvérase tolo.

Un día pola noite, Pepe, inundado pola tristeza e a culpa, foi cun coitelo ao cruceiro e suicidouse.

Agora disque o seu espíritu co seu coitelo vaga pola terra dos vivos avisando aos rapaces insensatos como era el, de que non saian pola noite ou que polo menos teñan coidado coa Santa Compaña. Pero coidado, qe ás veces vólvese tolo e pode ferirte co seu coitelo.  

(Un relato de Elena S.C. - 2ºESO A)